Fomento admite que utilizou asfalto non drenante na A-6

O Ministerio de Fomento acaba de admitir nunha resposta ao até agora deputado de En Marea por Lugo no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, que empregou asfalto non drenante nas actuacións de reposición do firme levadas a cabo na A-6 ao seu paso por Lugo.

Fomento alega que “técnicamente non é posible efectuar reparacións en tramos puntuais de firmes en mal estado utilizando unha mistura drenante en rodadura, cando se trata dun fresado e reposición de firmes”. 

Fernán Vello considera que o que fixo o Ministerio “é unha auténtica chapuza” e que na A-6 precísanse actuacións que vaian máis alá de “remendos de cara a  galería”. “Levamos toda a lexislatura demandando melloras en estradas convencionais como a aludida que sexan integrais e de calado, non meros parcheos nos que por riba se empregan materiais pouco axeitados que ao final empeoran e dificultan a condución en momentos de choiva”. 

O Ministerio nesta resposta a Fernán Vello evidencia que non levou a cabo unha mellora do firme completo ao sinalar que “as capas de rodadura de misturas drenantes ou microaglomerados utilízanse no caso de estradas novas ou ben en reforzos de firme realizados a seción completa e en toda a súa lonxitude”. É dicer, conclúe Miguel Anxo Fernán Vello, “o que tiñan que ter feito na A-6”.

Ademais, atopa o até agora deputado por Lugo, unha contradición no que explica o Ministerio se “a contrastamos coa realidade. Cando nos diriximos a Fomento en xaneiro pasado foi para trasladarlle as denuncias de moitos conductores que poñían de manifesto que coa choiva levantábanse nubes de auga e acumúlanse charcos de auga o que supón un perigo para a condución por non ter utilizado materiais drenantes”. 

Agora resulta que o Ministerio afirma que empregou mistura non drenante porque ao quedar “confinada a auga na zona de reparación, poderían orixinarse problemas de seguridade vial con situacións de hidroplaneo (aquaplaning)”. Precisamente “o que está a acontecer ao non usar asfalto drenante. Sería pertinente que o Ministerio revisase as actuacións que leva a cabo en estradas como a A-6 unha vez que as remata. Daquela observaría que o feito na A-6 foi un desastre”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com