Formatear galegos

Escoiteille una vez a Darío Xohán Cabana, diante da exaltación do Medulio e a masacre das súas xentes, que nós procedemos precisamente do outro bando, dos romanos gañadores, dos que invadiron a vella Gallaecia e se mesturaron coas xentes que a habitaban, e ficaron abraiados diante da epopea dos que preferiron morrer antes que renderse ao invasor. O mesmo ocorreu na Galicia do século XX. Louvamos, honramos, veneramos aos demócratas que morreron na defensa do seu ideal, pero moitos dos galegos de hoxe somos herdeiros directos dos que gañaron a guerra, e someteron a sangue e lume a todos os que preferiron seguir vivindo, e todos procedemosdos que –conscientemente ou na ignorancia; voluntariamente ou á forza- viviron no franquismo a metade das nosas vidas.

Naquela ignorancia colectiva, parecíanos que o “ducem nostrum Franciscum” polo que se rezaba nas misas ás que teño axudando como acólito era o natural sistema de depender e vivir, e a primeira vez que lle oín chamar ditadura foi en Cambio 16, despois xa de morto Franco. Corenta anos despois dos case corenta anos de paz quérense borrar do rueiro, das nosas vidas, das nosas mentes, todo o que se refire a Franco, ao franquismo, aos franquistas, sen darse conta de que para borrar todo iso habería que matar á metade de nós… habería que matar a metade da vida de todos nós. Porque aínda os nacidos despois de 1975, mamaron franquismo mental que a nós nos inculcaron a ferro desde antes de nacer.

Cando viaxei por Rumanía no tempo entre séculos, non quedaba unha placa, unha estatua, unha mención a Ceacescu… pero seguían arrastrando miseria, fame, desilusión, silencios… porque a memoria non se borra de xeito tan doado. Declarar anatema a todo o franquismo, a todo o que tivo protagonismo no franquismo, a todo o que viviu no franquismo, é o mesmo que pretender formatear un ordenador conservando só a memoria que nos interesa.

E xa se sabe que o que non pode ser, non pode ser, e ademais é imposible.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com