Foz presenta alegacións ao parque eólico Borrasca

O Concello de Foz presentou hoxe, venres, alegacións ao parque eólico Borrasca, promovido pola industrial Greenalia e que afecta de forma moi significativa ao municipio. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, está satisfeito do traballo técnico que realizou a consultora contratada, Nergetia, e no que traballaron dous físicos e un enxeñeiro industrial especializados no sector eólico.

“Son algo máis de 70 páxinas nas que se revisa o anteproxecto do parque eólico e o estudo de impacto ambiental que presentou Greenalia. Os técnicos fixeron fincapé naquelas zonas de vivendas que podían verse máis afectadas, como as casas do Furco, no barrio da Hermida, e o barrio de Vilela, en San Martiño. Facendo un novo cálculo de ruídos puideron comprobar que dous aeroxeradores superarían o nivel de 45 decibelios permitidos en horario nocturno para unha zona de vivendas. Isto é moi importante, xa que estamos a falar de que non se respecta a lexislación actual e a presión sonora sería moi superior á legal”.

Nas alegacións tamén se consideraron impactos ao patrimonio natural de Foz e concretamente á Zona de Especial Protección de Aves Ría de Foz, que se podería ver especialmente afectada. “Non ten sentido constituír unha zona de protección ás aves e dispoñer un aeroxenerador próximo, nun espazo de tanta relevancia para o descanso das aves migratorias como é a Ría de Foz. Isto é incompatible e así se reflicte da documentación que aportan os técnicos”, engade o rexedor municipal.

Nas alegacións trátanse tamén outras cuestións, como as liñas de evacuación ou as infraestruturas asociadas ao parque. O alcalde de Foz afirma que é o segundo proxecto de gran calado ao que presenta alegacións o Concello, despois do referido ao espigón da praia do Altar. “Actuamos sempre da mesma maneira: informándonos, contactando con técnicos solventes para estudar a documentación e presentando alegacións en todos aqueles puntos que podan ser prexudiciais para as veciñas e veciños e o patrimonio do noso concello”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com