Galicia en Común postúlase como “a única forza capaz de rachar co bipartidismo”

Galicia en Común celebrou este sábado en Lugo un multitudinario acto que contou coa presenza da candidata de Lugo, Vanessa Somoza, acompañada de Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, entre outros, e como convidado, o historiador e exdeputado no Congreso, Xavi Domenech.

A candidata de Galicia en Común pola provincia de Lugo, Vanessa Somoza, salientou que “non imos dar un paso atrás na defensa dos dereitos das traballadoras e dos traballadores e do feminismo por moito que convoquen eleccións”, e que “precisamos votos útiles para a cidadanía, para poder levar ao Congreso os verdadeiros problemas da xente».

«Somos o único espazo capaz de rachar co bipartidismo en Lugo, voltaremos facelo e conseguiremos levar representación e as demandas dos lugueses e luguesas ás Cortes», incidiu.

Somoza sinalou a «urxente» situación na que se atopa a provincia de Lugo, que está reclamando atención e medidas urxentes. «Temos que salvar a nosa industria, o noso medio, romper o illamento e impulsar infraestruturas, acadar a reforma da PAC e prezo xusto do leite, e conseguir un xulgado do social e de violencia de xenero para Lugo», incidiu a candidata.

A candidata Yolanda Díaz foi a encargada de pechar este mediodía o acto  en Lugo. Na súa intervención, a candidata de Galicia En Común destacou que nestas eleccións xogámonos «voltar ao bipartidismo”, e denunciou as mentiras da Ministra en funcións, Nadia Calviño, que se pasou por Lugo para asegurar que o PSOE pelexou polos sectores produtivos cando foi «todo o contrario». «Mañá hai unha macro manifestación das traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao, e non están facendo nada”.

Díaz manifestou que é hora xa de “meterlle man ás grandes multinacionais da enerxía que permiten que moita xente en Galicia non poda prender a calefacción”.

Tamén lembrou os 9.000 millóns de euros que nos custou ás galegas e aos galegos a quebra das caixas de aforros, case o mesmo que o Orzamento galego (10.000 millóns).

«Non hai voto máis inútil que votar a quen non vai derogar a reforma laboral, e que quere implantar medidas como a mochila austríaca, que recortará, aínda máis, os dereitos das traballadoras e dos traballadores”. Amosou, así mesmo, a honra que supón que a imputación que hai enriba da mesa contra as deputadas e deputados galegos de Galicia En Común sexa por defender aos traballadores de Alcoa.

Pola súa banda, o candidato pola provincia de A Coruña, Antón Gómez-Reino, que tamén agradeceu a presenza de Xavi Domenech en Lugo, destacou que “todos somos conscientes de que enfrontamos unha campaña dura, onde os poderes van intentar que non teñamos o magnífico resultado que estou seguro de que teremos o 10N”, e fixo fincapé no lema de Galicia En Común para estas eleccións xerais, sinalando que “podedes contar con nós para defender a igualdade, os sectores produtivos, as pensións, o prezo do leite…”.

No caso concreto de Lugo, o candidato de Galicia En Común denunciou que “esta provincia segue a ser unha das provincias onde se paga o leite máis baixo do Estado».

«O Goberno fai unha negociación nefasta en Bruxelas, esto provoca tamén que teñamos os portos da Mariña abandonados”, incidiu.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Avatar
    Carlos Fernandez Peleteiro
    Nov 03, 2019 - 07:16 PM

    E máis paradas… Que políticos ou aspirantes temos????? Logo as mulleres ante as actuais leis, non teñen os mismos dereitos……..

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo