Goberno municipal e oposición non chegan a un acordo para a zona ORA

O goberno local afirmou hoxe que comparte con organizacións sindicais e traballadores da empresa que foi adxudicaria da ORA ata a suspensión do servizo o pasado mes de xullo, “a súa preocupación pola grave incoherencia que supón a postura da oposición sobre o novo regulamento de aparcamentos na vía pública”.

Esta mañá, a Alcaldesa, Lara Méndez, reuníase con sindicatos e plantilla, un encontro no que estes puxeron de relevo que remunicipalizar a ORA, como piden en bloque os grupos da oposición, “deixándose liderar polo Partido Popular”, dificultaría a subrogación, que por outra banda tamén demandan estes grupos políticos, o que “deixaría no aire o seu futuro”.

“Queda claro así”, subliñou a Concelleira de Economía, Ana Prieto, o “oportunismo e demagoxia co que actúa a oposición neste caso, poñendo os intereses partidistas por riba do interese xeral”. O Goberno, subliñou Prieto, mantén a súa folla de ruta “clara e firme, vamos a seguir traballando pola calidade do servizo e a súa operatividade”, e continuará co diálogo “con asociacións e grupos políticos, buscando consenso e con informes técnicos na man, como sempre manifestamos e como sempre fixemos”.

Pola súa banda, Lugonovo e ACE manifestaron hoxe o seu descontento polas declaracións verquidas onte polo voceiro municipal, Miguel Fernández, nas que os acusaba de sumarse ao Partido Popular só para tumbar as propostas socialistas.

“Non se axustan á verdade e dende logo só destilan prepotencia”, afirmou o voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha. “En ningún caso se lle pode chamar coacción ó lexítimo exercicio de buscar o consenso entre a maioría dos grupos, sexan da cor que sexan, tratando de mellorar o benestar dos lucenses. O mesmo diálogo que tivemos co resto da oposición tamén o exerceríamos co goberno se, de ser certo como din, nos houberan remitido o borrador no que traballan para poñer en marcha un novo sistema da ORA”.

Asemade, Carlos Portomeñe, voceiro de ACE, sinalou que “a realidade evidencia que o único pacto existente na corporación para tumbar propostas de carácter social é entre o PSOE e o PP. Foi o PSOE o que se aliou co PP para o reparto de cargos de confianza, remuneracións e dedicacións exclusivas, relegando á precariedade laboral a tres dos grupos municipais; para impedir a participación dos colectivos sociais nos plenos ou para rexeitar a nosa proposta de progresividade fiscal, a única que cun coste económico cero permite aumentar os recursos do Concello para garantir os orzamentos e o gasto social”.

“O PSOE confunde coacción coa maioría democrática das votacións do pleno. Son eles os que gobernando en minoría intentan impoñer un modelo privatizado propio da dereita na xestión dos servizos locais, nós limitámonos a defender con coherencia as nosas premisas programáticas a prol dos servizos públicos e gratuítos”, remarcou Portomeñe.

Por último,  Rubén Arroxo trasladou aos grupos políticos da corporación unha proposta para realizar unha visita á cidade de Pontevedra. Dende o BNG-Asambleas Abertas promoverán unha viaxe coa intención de amosar, in situ, o modelo de mobilidade implantado polo BNG en Pontevedra.

“Queremos que representantes de todos os grupos políticos, colectivos socais e veciñais, ademais de medios de comunicación, nos acompañen para coñecer pros e contras dun modelo que pode ser aplicable a Lugo” asegurou Rubén Arroxo.

Nesta visita, que se levará a cabo despois das festas de San Froilán, o obxectivo é coñecer de primeira man os pros e contras que supón para unha cidade a implantación de determinados aspectos conducentes á mellora da mobilidade. Arroxo recalcou a importancia de “coñecer sobre o propio terreo as actuacións que se levaron a cabo e como incidiron sobre a vida na propia cidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com