Héctor Corujo encabezará a candidatura popular á alcaldía do Incio

Héctor Corujo será o candidato do PP á alcaldía do Concello do Incio. A proposta foi trasladada pola xunta directiva local á dirección provincial que participou hoxe no acto de presentación arroupando ao candidato xunto ao conselleiro de Medio Rural, José González, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, alcaldes e portavoces populares da comarca, deputados e senadores. Funcionario no propio Concello do Incio, Corujo é “coñecedor da realidade da xestión municipal e tamén das necesidades dos veciños e veciñas”. Así, afronta este reto convencido de que “os políticos son útiles na medida en que axudan a mellorar as condicións de vida da sociedade”.

A presidenta do Partido, Elena Candia, puxo en valor “esta vontade e capacidade de traballo” do candidato e a súa implicación cun proxecto que pretende “devolver ao Concello do Incio unha xestión que teña en conta a realidade diaria do municipio e as necesidades dos seus veciños”; pero que tamén “poña en valor as súas posibilidades”.

A dirixente dos populares da provincia asegurou que “todo canto se fixo no Incio é responsabilidade e froito de gobernos do PP. Sen ir máis lonxe, os proxectos máis recentes e destacados no Incio débense á Xunta de Galicia que ven de presentar un proxecto de para restaurar a igrexa de Santa Cruz do Incio, paso previo para a súa futura declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Tamén a administración autonómica gobernada polo PP amosou o seu compromiso coas comunicacións da zona co arranxo da estrada autonómica LU 642”, engadiu.

Candia, tamén voceira do Grupo Provincial Popular, recorda que “tivo que ser o Grupo Provincial do PP o que presentara iniciativas na Deputación de Lugo para dar cumprimento ao convenio asinado no ano 2006 entre a Deputación, Suplusa e o Concello que recollía a restauración completa da Casona e que o Goberno do PSOE está a paralizar porque, incluso, queren tirar a infraestrutura“.

Sobre este asunto tamén os populares do Incio presentaron numerosas iniciativas poñéndose do lado dos veciños e veciñas que se mobilizaron para reclamar a rehabilitación da Casona. A presidenta do PP ten palabras de agradecemento ao Grupo Municipal “polo seu traballo e dedicación neste e noutros asuntos de interese para os veciños e veciñas do Incio”. A este agradecemento sumouse o candidato á alcaldía incidindo tamén no labor da xunta xestora local.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com