" />

‘Hijas de Cynisca’ volve a Codex pola Semana da Muller

Esta semana en Codex Cinema queren sumarnos as reivindicacións polo Día da Muller proxectando o documental Hijas de Cynisca de Beatriz Carretero, que xa fora protagonista da nosa programación o pasado mes de novembro no contexto do FILMU, o pioneiro festival de cinema e muller que tivo os nosos cines como sede. Este traballo pon en escena o problema da discriminación da muller no deporte. Carretero sae ao encontro de grandes deportistas españolas como Almudena Cid, Jennifer Pareja, Lidia Valentín ou Ona Carbonell para que falen das dificultades que sufriron na súa formación, mais tamén das diferencias de trato que sofren aínda a día de hoxe pese a ser deportistas de elite de reputación internacional.

Un documental de gran dinamismo e enormemente didáctico que recibiu a distinción do Ministerio de Cultura como Especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero que o fai imprescindible para todas as nenas e nenos que se están iniciando nas actividades deportivas e que seguen estando expostos a todo tipo de violencias e discriminacións por cuestións de xénero. O filme enmárcase na política de programación de Codex Cinema que, desde os seus comezos, aposta por unha maior visibilidade do cinema feito por mulleres.

Estamos moi lonxe de acadar unha normalidade na representación do universo cinematográfico feminino, mais nos nosos cines seguen insistindo nesta necesidade, mostrando os traballos das mellores cineastas de Galicia, como Diana Toucedo, Paula Cons ou Margarita Ledo, de quen estrearán Nación o vindeiro día 26 de marzo; e tamén das grandes artistas do panorama internacional, como Claire Denis, Naomi Kawase, Rita Azevedo Gomes ou Angela Schanelec, apostando tamén pola diversidade, polo cinema europeo e os filmes feitos en países marxinais da carteleira estatal, fuxindo dos tópicos e da desigualdade que fomentan as grandes producións norteamericanas.

Vítima destas discriminacións industriais que fomenta o cinema americano é outra das nosas estreas desta semana. Minari de Lee Isaac Cheung, a gran revelación do cinema estadounidense dos últimos anos. Presentada no festival de Sundance de 2020, a película causou un enorme impacto gañando tanto o premio do xurado como o do público, conseguindo un consenso absoluto cunha fermosa e moi emocionante historia sobre as dificultades dunha familia de orixes coreanas para sobrevivir nos Estados Unidos cunhas tradicións totalmente opostas. O conflito entre manter as orixes ou adaptarse a unhas novas costumes, o respecto polos maiores e a necesidade de seguir adiante, marcan esta película que se converteu nun fenómeno absoluto nun momento de gran tensión racial e cambio social no xigantesco país norteamericano.

O filme ademais foi motivo dunha gran polémica xa que ao mesturar diálogos en inglés e coreano quedou fora de consideracións como “película en inglés” para a tempada de premios, polo que tivo que aspirar unicamente ao Globo de Ouro a Mellor película internacional, galardón que obtivo na gala celebrada hai un par de semanas. Así, un filme que trata sobre a adaptación e o amor cara os valores dun país por parte dunha familia foránea queda excluída dos premios dese país. Moitos xornalistas e figuras do mundo da cultura sinalaron esa contradición e converteron o filme nun manifesto contra intolerancia. Un filme bondadoso e humano que mostra unha historia épica e íntima ao mesmo tempo sobre como se crea e transforma unha identidade nacional.

A última novidade da semana, e non por iso a menos importante, é Só as bestas, un poderoso thriller rodado nas mesetas montañosas do Sur de Francia, unha paisaxe nevada e indómita onde se encontran diferentes personaxes e historias, desde unha xuventude francesa marcada pola desorientación xeracional e a falta de obxectivos vitais a o drama da inmigración subsahariana en Europa. Un exemplo maxistral de cine negro contemporáneo, onde os tópicos do cinema criminal máis recoñecibles se mesturan con temas de actualidade e un contexto marcado pola crise económica e social en Europa e os desequilibrios que existen no primeiro e terceiro mundo. O filme de Dominik Moll foi comparado con grandes clásicos dos anos 90 como Fargo de Joel e Ethan Coen, Twin Peaks de David Lynch ou Exotica de Atom Egoyan.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo