Praza de Abastos dende Armañá

Lara Méndez comprométese a abrir un paso peonil que acabe co illamento de Quiroga Ballesteros

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, interveu na polémica do peche dos accesos peonís de Quiroga Ballesteros, entre os industriais da zona e a área que xestiona o BNG, a pedimento de Lugo Monumental.

A Asociación, que é a máis representativa da Praza de Abastos e o Mercado, expuxo á alcaldesa a problemática que viven os industriais desde hai xa dez días, en que as súas vendas caeron en picado por mor dos diversos problemas creados polas obras de peonalización, “un fin que todos compartimos pero que non se está executando como debería”. Asevera Lugo Monumental.

Na reunión Lara Méndez mostrouse sensible ás reivindicacións e queixas dos placeiros, e tras un longo debate comprometeuse a levar a cabo diversas accións inmediatas para paliar os problemas derivados da planificación dos traballos.

Segundo Lugo Monumental “empeñou a súa palabra nas seguintes accións”: 1.Habilitar un paso peonil que conecte Quiroga Ballesteros con Luís Pena Novo, Antón Fraguas e Santo Domingo. A súa previsión é que estea dispoñible nun prazo de tres semanas como máximo. Tamén se estudará a apertura inmediata de pasos peonís durante as fins de semana, en que a obra está paralizada. 2. Sinalizar convenientemente e de forma inmediata as alternativas de accesos e percorridos para os peóns. 3. Revisar os problemas de tráfico que derivan da mala regulación semafórica (o semáforo de Santo Domingo ábrese simultaneamente para os vehículos que soben e os que baixan, o que supón un grave perigo), a insuficiente sinalización da dobre dirección de Santo Domingo (o que provoca situacións de perigo ao saír do aparcamento subterráneo) e a instalación de bandas rugosas que reduzan a velocidade dos coches. 4. Revisar os problemas que se están derivando cos autobuses, en concreto coa liña 7A, que tiña parada en Santo Domingo e que agora para en Montero Ríos (non Montevideo, senón Montero Ríos), unha rúa moi distante polo cambio de percorrido da liña. 5. Estudar a instalación dunha pasarela accesible provisional entre o carril do Mercado e Tuñas Bouzón, como a que se habilitou durante as obras da Praza. Isto lograría liquidar o problema de accesos desde Quiroga Ballesteros e evitar un gran rodeo ás persoas con problemas de accesibilidade mesmo durante os horarios de peche da Praza.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com