Lara Méndez denuncia o “oportunismo” da oposición no caso das casetas do polbo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez denunciou o que cualificou como “oportunismo tremendo” por parte dalgúns grupos da oposición trala polémica adxudicación das casetas e caldeiros do polbo do San Froilán. Neste concurso a consultora madrileña Bruxa Consulting S.L fíxose con tres das catro casetas e tres dos catro caldeiros en detrimento de históricos das festas como Aurora do Carballiño, Manolo de Marce ou La Palloza.

Méndez lembrou que os pregos de condicións do concurso estiveron a exposición pública e ningún grupo da oposición presentou alegacións. Por este motivo, a rexedora di non entender as críticas que agromaron nos últimos días por parte dalgúns partidos que reclamaban modificacións nos pregos para garantir, por exemplo, que unha mesma empresa non puidera xestionar máis dunha caseta ou para esixir que as adxudicatarias fosen empresas adicadas á hostalaría.

“Os pregos estiveron a exposición pública e non houbo ningún tipo de alegación e os partidos políticos aí si teñen a competencia de presentar alegacións. O que hai é un oportunismo tremendo por algo que podemos compartir todos os lucenses, xa que a todos nos gustaría como lucenses que a explotación a levara a hostalaría lucense”, subliñou a rexedora.

A alcaldesa tamén contestaba esta mañá ao BNG, que reclamaba a presenza dos grupos políticos nas mesas de contratación. Lara Méndez lembroulle aos nacionalistas que, na súa calidade de acto público, todos os cidadáns poden asistir ás mesas de contratación e preguntábase “que intencións ocultas pode ter o BNG ou calquera outro partido ao manifestar que queren estar nesas mesas como partidos políticos cando poden facelo como cidadáns”.

A rexedora volveu lembrar que dende o Concello esixiranlle á empresa Bruxa Consulting S.L o cumprimento dos pregos aínda que se amosa confiada de que “máis aló de deixar de ver certas caras coñecidas non ten que mermar nin a calidade nin o bo facer das casetas”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com