Lara Méndez participou na Comisión Executiva do Eixo Atlántico

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na Cámara Municipal de Porto, en Portugal, na reunión da Comisión Executiva do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, na que quedou aprobado o programa de actividades e os orzamentos de 2016 desta asociación transfronteiriza creada no ano 1992 co apoio da Comisión Europea que integra ás principais cidades de Galicia e Norte de Portugal.

A rexedora destacou a importancia que ten para a cidade lucense formar parte do Eixo Atlántico co fin de “buscar sinerxias entre dúas rexións con iguais problemáticas, o mesmo denominador común, para cohesionar o territorio e impulsar o seu crecemento socioeconómico dun xeito equilibrado e xusto, sen dúas velocidades”. Méndez asegurou que “os problemas comúns precisan de solucións conxuntas”, e exemplificou os froitos desas sinerxias “na colaboración que manteñen Lugo e Braga para potenciar o seu pasado romano”.

En canto á axenda do Eixo Atlántico para este ano, acordáronse medidas relacionadas coa mellora das comunicacións por estrada e de ferrocarril de mercancías, ademais de participar activamente no proceso de discusión do orzamento europeo 2020-2027 para garantir que se manteñan e incrementen os fondos para a cooperación e a política urbana; analizar e facilitar aos concellos os documentos máis relevantes da Comisión Europea; e organizar distintas actividades culturais, educativas, deportivas e de formación, como a designación da IV Capital da Cultura do Eixo, que recae en Matosinhos e Vila Real baixo a marca Do Douro ao Atlántico, a organización da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, unha mostra musical de mozos intérpretes, seminarios de intercambio de experiencias en materia de educación e de xestión e planificación de actividades deportivas ou xornadas de formación en administración electrónica e en xestión de fondos europeos. No eido turístico, a entidade organizará a 6ª feira turística Expocidades, editará unha nova guía turística e continuará impulsando a recuperación do Camiño de Santiago.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com