Lara Méndez presenta o seu equipo para o 26M: “garantía para que Lugo non quede atrás”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou na noitiña de onte o equipo xunto ao que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais o 26 de maio. 25 homes e mulleres que, segundo resaltou a rexedora, son  a garantía para que Lugo non quede atrás.

Como xa avanzáramos en Xornal de Lugo hai uns días, a rexedora estará acompañada por Alvaro Santos Ramos, actual secretario xeral do partido socialista; Paula Alvarellos, Presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, e conselleira da USC no Consello Social; e os actuais ediles, Miguel Fernández e Ana González Abelleira, completan os 5 primeiros postos da lista.

Nun acto por todo o alto, a rexedora amosou un por un a todos os seus compañeiros ante unha praza de Santa María ateigada de veciños lucenses. Xuventude e diversidade étnica, social e profesional son as claves da lista coa que Méndez pretende, segundo dixo, rematar todos os proxectos que comezou na cidade, “activistas por Lugo, que levan ano traballando por un Lugo mellor, dándolle vida ao municipio. Son xente preparada, profesional, con experiencia e capacidade de xestión, de gran calidade humana”.

Nesta liña tamén insistiu en que son perfís ilusionantes e preparados, “o que demostra que somos o partido máis aberto á sociedade civil, á xente que xa está traballando por mellorar a cidade e o rural, que xa fan política con maiúscula, a política da dignidade e da transformación, e que agora están dispostos a acompañarnos nun proxecto progresista a seguir modernizando Lugo desde a gobernanza do Concello”.

“Os municipios, ás cidades hai que amalas para darlles vida.  E só podemos darlles vida cando cremos nelas, subliñou, ao tempo que lembrou que “os socialistas levamos transformado Lugo, dándolle vida desde hai moitos anos. Progresamos moito  e queremos seguir crecendo, e facelo nunha sociedade tranquila como é a de Lugo, cunha calidade de vida excepcional, que debemos garantir e mellorar; apuntou unha Lara Méndez ilusionada quen amosou a aposta do PSOE por un rural vital, por unha cidade máis accesible, pola mocidade, por coidar da xente ou por traballar.

Nunha ateigada praza, Méndez pediu facer fronte aos que queren que Lugo quede atrás en infraestruturas, en economía ou en dereitos fundamentais, “porque nós, as e os socialistas queremos máis vida para Lugo”. E con este lema que chama a Vivir Lugo, a darlle vida ás rúas, ás prazas e ás empresas, pediu mobilización para apostar por un municipio con máis vida; no que vivir benestar, vivir en feminismo e igualdade, en calidade no emprego, en diversidade xeracional; gozando da mocidade, da educación, e do presente, compartindo ademais a sabedoría, valorando a identidade e decidindo o futuro.

O equipo, liderado por Lara Méndez, está formado por Álvaro Santos, Paula Alvarellos, Miguel Fernández, Ana Abelleira, Mauricio Repetto, Olga López, Miguel Couto, Silvia Alonso, Pablo Permuy, Rosana Rielo, Manuel Núñez, Carmen Méndez, Carlos Méndez, Vanessa Martínez, Jesús Darriba, María Pilar Seoane, Jaime Roda, Rosana Elisabeth Almonte, Gerber Martínez, Ruth León, Francisco Javier Rodríguez, María Carmen Santos, Daniel Piñeiro e Carmen Basadre.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo