Lara Méndez: “Ser Alcaldesa de Lugo é a maior das honras”

Esta mañá ás dez tivo lugar a sesión de constitución da Corporación Municipal resultante das Eleccións Locais celebradas o día 24 de maio no salón de plenos do consistorio lucense.

Trala toma de posesión dos 25 concelleiros que forman a Corporación, tivo lugar a elección da nova Alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, que sustitúe logo de 16 anos no cargo a José López Orozco, que renunciou á súa acta de Concelleiro para que os socialistas conservaran o poder co apoio de Lugonovo e BNG. Atopábanse no consistorio familiares e amigos da nova rexedora, entre eles o seu marido e a súa filla, aos que abrazou logo de pronunciar o discurso de investidura.

Nel, comezou agradecendo ao anterior rexedor, José López Orozco o seu apoio incondicional, e cualificouno como “o mellor Alcalde que tivo Lugo”. Lara Méndez apelou á unidade para que o goberno municipal sexa estable tendo en conta que son seis as forzas políticas que o compoñen, e tamén sinalou a necesidade dunha política de oposición responsable e digna, para non entorpecer as políticas locais, que segundo sinalou van cara un fortalecemento no eido social.

Méndez falou asemade de fomentar sinerxias entre o propio Concello de Lugo e o ámbito rural a traveso do que denominou como Consellos Parroquiais, para darlle voz real a estes núcleos provinciais. Asemade, sinalou a agricultura ecolóxica, e o eido do ocio e da cultura como alicerces fundamentais sobre as que sustentar este novo goberno de esquerdas.

Por último deu conta da continuidade dos chamados Orzamentos Participativos, e reclamou servizos xa demandados para a cidade de Lugo, como a estación Intermodal.

Lara Méndez rematou este histórico discurso afirmando que “ser Alcaldesa de Lugo é a maior das honras posibles”.

PROCESO

Ao comezo da sesión, o Secretario Xeral do Pleno deu conta de que todos os concelleiros e concelleiras electos tiveran presentadas as credenciais que os acreditan e, deseguido, tivo lugar a constitución da Mesa de Idade.

A Mesa de Idade estivo formada como presidenta por Mª del Carmen Penelas, por ser o membro da Corporación de maior idade; Antonio Ameijide, que actuará como Vogal na súa condición de Concelleiro de menor idade, e o Secretario, posto que desempeña o Secretario Xeral do Concello, José Antonio Carro Asorey. Seguidamente, a Mesa comprobou as credenciais presentadas coa acta que remitiu ao Concello a Xunta Electoral de Zona.

De seguido tivo lugar a toma de posesión, na que os concelleiros xuraron ou prometeron o acatamento á Constitución. Os membros da Mesa foron os últimos en tomar posesión; primeiro fixoo a Secretaria e despois o Presidente. Tralo xuramento ou promesa, a Mesa impúxolle a cada Concelleiro ou Concelleira a Medalla da Corporación, facendo entrega da Insignia corporativa.

Trala proclamación dos candidatos a Alcalde, efectuose a votación “secreta”, da que saíu elexida, como xa era máis que previsible, Lara Méndez, que se converte así na primeira muller que consegue o bastón de mando municipal en Lugo. O acto rematou co xuramento ou promesa da Alcaldesa electa, e o pronunciamento do seu discurso de investidura.

A nova Corporación municipal está formada polos seguintes concelleiros: Polo Partido Popular, Jaime Castiñeira, Ana María López Pombo, Encarnación Amigo, Antonio Ameijide, Mª del Carmen Penelas, Isabel Devesa, Enrique Rozas, Manuel López, e Mari Teijeiro.

Polo PsdeG-PSOE, Lara Méndez, Juan Carlos González Santín, Ana Prieto Nieto, Miguel Fernández, Carmen Basadre, José Manuel Díaz Grandío, Ana González Abelleira, e Xosé Daniel Piñeiro Villares. Por Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, Cristina Pérez Herraiz e Iñaki García, polo BNG.A.A, Rubén Arroxo e Maite Ferreiro Tallón, por Cidadáns Olga Louzao e Jesús Expósito, e finalmente Carlos Portomeñe, por ACE.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com