LIBERA propón apadriñar animais do refuxio polo Nadal

A Asociación Animalista Libera lanzou esta mañá unha orixinal proposta para fomentar a colaboración coas entidades protectoras que rescatan cada ano a centos de animais domésticos na provincia de Lugo, investindo na súa recuperación e posteriormente ofrecéndolles a posibilidade dun novo fogar con cidadáns responsables a través da adopción. Os animalistas propoñen que un dos agasallos de Nadal de cada fogar sexa o “apadriñamento” dun can ou gato abandonado e “refuxiado” nalgún dos centros e entidades que existen na provincia, con refuxio ou sen estas instalacións.

O apadriñamento é unha fórmula cada vez máis habitual para colaborar na manutención e rehabilitación de animais que sufriron o abandono ou que foron maltratados e necesitan un apoio extra. Por unha media de 120 euros ao ano a persoa faise cargo do animal sen ter que custodialo na súa propia casa. Empregando os datos do último Observatorio do Abandono, realizado de maneira anual pola Fundación Affinity, alertan das consecuencias dunha compra de animais pouco razoada, compulsiva ou que reduce aos mesmos a meros obxectos de intercambio e agasallo.

En 2015, o 32% dos animais abandonados sufriu esta situación durante os catro primeiros meses do ano, coincidindo con espazos sinalados no calendario como o Nadal. Neste sentido os defensores dos animais lembran que unha maior taxa de abandono é responsable dun incremento do gasto público, xa que os concellos como Lugo deben licitar servizos de lacería, sumar unha maior carga orzamentaria a causa do maior número de seres vivos rescatados.

Co apadriñamento as protectoras de animais de Galicia poderían desenvolver mellor o seu traballo, pois segundo Libera, “ningunha recibe axuda algunha por parte da administración autonómica, que en 2010 cortou as subvencións que viña outorgando en anos anteriores”. Con esta chamamento  os animalistas apelan á conciencia cidadá para paliar o enorme número de abandonos con que estiman que pechará 2016..

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com