Lídia Senra accederá á sala de lectura dos documentos confidenciais do TTIP durante dúas horas

O vindeiro martes 23 de xuño a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, accederá á sala de lectura onde se atopan depositados os documentos confidenciais do Tratado de libre comercio entre Europa e os USA, coñecido en inglés pola siglas(TTIP) no Parlamento Europeo (PE), a sala de lectura .

Como todas as eurodeputadas/os, Senra poderá acceder á sala durante un máximo de dúas horas e sempre acompañada por persoal do Parlamento Europeo.  Previamente tivo que pedir cita e concretar os documentos exactos que quere revisar. Non poderá levar teléfono nin bolígrafo, nin tan sequera papeis en branco, xa que o material necesario para tomar notas proporcionaranllo dentro e será revisado antes de saír -os folios nos que poderá escribir irán identificados co seu nome-. Unha vez dentro, terá que asinar varios compromisos de confidencialidade.

Chama especialmente a atención o feito de que este protocolo réxese pola Decisión da Mesa do Parlamento Europeo do 15 de abril de 2013, relativa á Regulamentación sobre o tratamento da información confidencial polo Parlamento Europeo, que entrou en vigor, precisamente, o 1 de abril de 2014, unhas datas que se corresponden co proceso de negociación do TTIP e o TISA (Trade in Services Agreement), iniciados a principios do 2013 e con perspectiva de continuar alomenos até 2016.

A deputada galega reiterou que o procedemento para a lectura dos documentos do TTIP é un dos máis claros exemplos de que as institucións europeas están moi lonxe de manterse ao servizo da cidadanía”. “Este proceder é totalmente antidemocrático”, proseguiu, “en primeiro lugar porque fai alarde da ocultación de información á sociedade europea e, en segundo termo, porque evitando que as deputadas podamos valorar e dar a coñecer esta información están bloqueando a nosa responsabilidade con respecto á sociedade á que representamos”.

Cómpre lembrar que a habilitación desta sala xurdiu como un xeito de tentar aplacar as críticas e presións das organizacións sociais e partidos ao respecto do segredismo nas negociacións.

AGEe ten rexistrado ao longo desta lexislatura varias preguntas parlamentarias relativas aos tratados de libre comercio que está a negociar a Unión Europea. Asemade, xunto con outras deputadas da Esquerda Plural, presentou o pasado día 10 de xuño unha batería de preguntas contra o TISA, na que se alerta sobre as  graves consecuencias que os tratados de libre comercio teñen para a cidadanía.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com