" />

Lixeira suba da presión asistencial o día no que as altas médicas volven situarse por riba dos contaxios

Se onte arrancabamos este informativo falando da estabilidade xeral da covid, hoxe as cousas volven dar un xiro. Na nosa provincia na últimas horas a presión asistencial viuse en aumento, nos hospitais comarcais de Burela e Monforte, malia unha baixada importante de contaxios e casos activos. 

Así o revela o último informe do SERGAS, con datos recompilados ata as 6 da tarde de onte, e que cifra as infeccións activas en 219, 9 menos que na xornada do luns. Asemade, é reseñable o aumento das altas médicas que, se ben nas últimas xornadas experimentara un freo importante, onte sumaron un total de 20 altas médicas; dende o comezo da pandemia, a provincia conta xa con 12.354 persoas que superaron o virus.

A este aumento das altas tamén se sumou onte unha importante baixada nos positivos detectados por PCR e que o SERGAS cifrou en 9, moi por baixo dos 13 de antonte ou os 17 detectados o luns.

Son boas novas para a provincia pero que non se ven reflexadas na presión asistencial que hoxe sobe nos hospitais comarcais de Burela e Monforte. En concreto, a provincia suma 11 pacientes ingresados en plantas de hospitalización, un máis que na xornada anterior. Pero é que mentres o HULA restou un paciente en planta, os outros hospitais públicos da provincia sumaron un paciente cada un quedando así o Lucus Augusti con 3 casos covid en planta e un na UCI e nos centros da Costa e de Lemos con 4 pacientes covid en cada un.

Aumento de casos na Mariña

E todo isto débese ao aumento de casos que se deu nas últimas xornadas en sendos gromos detectados na Mariña e en Vilalba. Na capital chairega diagnosticaronse 22 casos nas últimas dúas semanas mentres que en Viveiro suman 34 nos últimos 7 días. O SERGAS mantén unha especial vixilancia sobre estas zonas ás que tamén se sumou nas últimas horas Monforte, logo de se detectar varios casos nun centro educativo. 

Viveiro, en nivel alto de limitacións

Así, o Comité Clínico que asesora á Xunta, reunido onte, decidiu elevar as restricións en Viveiro, que pasa ao nivel alto de limitacións e a Xove, Vilalba e Monforte que suben ata o nivel medio do que sae Chantada, dende a medianoite do vindeiro sábado. No resto de municipios lugueses seguirán vixentes as restricións de nivel medio baixo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo