Louzao di que hai que “reforzar e modernizar” os servizos sociais

A portavoz municipal de Cidadáns en Lugo e candidata á alcaldía nas eleccións do vindeiro día 26, Olga Louzao, presentou hoxe o programa social da agrupación xunto á numero 3 da lista, Eloína Ingerto, coordinadora en Galicia da asociación Juan Soñador, e de Antonio Cortiñas, axente intercultural da Fundación Secretariado Xitano en Lugo, e que tamén forma parte da lista de Cidadáns.

“Os servizos sociais son, posiblemente, a labor máis importante que ten un Concello, xa que é a maneira directa de axudar á xente que o necesita, algo que agora mesmo non está a acontecer porque os servizos sociais do Concello de Lugo están tan colapsados”, afirmou Louzao.

A candidata de Cidadáns denunciou as listas de espera de case dous meses que se dan no Concello de Lugo para que unha persoa que acude aos servizos sociais sexa atendida por primeira vez. “Unha persoa acude aos servizos sociais cando está nunha situación de extrema necesidade e debería ser atendida de xeito inmediato, cousa que non está a ocorrer. Para lograr este obxectivo temos que ampliar o persoal que traballa no eido social e restruturar o servizo”, explicou Olga Louzao.

A candidata de Cidadáns explicou ademais que desde que Lara Méndez é alcaldesa reduciuse o gasto real de investimento do Concello nas partidas sociais e de emprego nun 30%, xa que no 2015 era de 124,40 euros por habitante e no 2017 reduciuse a 89,29.

Outras medidas do programa de Cidadáns son as de garantir a estabilidade de servizos das entidades sen ánimo de lucro, a través de convocatoria e convenios de carácter plurianual, que se publiquen no primeiro trimestre do ano, con criterios de transparencia e de complementariedade, creando espazos de diálogo civil coas entidades de acción social; e a creación dun servizo municipal de información e promoción do voluntariado, no que se facilitará a participación cidadá en actividades solidarias.

“É imprescindible axilizar o pago de axudas ás entidades sociais da cidade para que conten desde principios de ano cun financiamento axeitado que lles permita levar a cabo os seus programas mediante un plan plurianual de subvencións e coordinando a través do Consello Municipal de Servizos Sociais a prestación que cada entidade realiza”, defendeu Olga Louzao.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com