Louzao presenta un programa para “rescatar á cidade da parálise”

A candidata de Cidadáns á alcaldía de Lugo, Olga Louzao, presentou esta mañá o seu Programa de Goberno no que inclúe 150 medidas “para lograr un Lugo Vivo e Activo” e co que Olga Louzao pretende “rescatar á cidade da parálise absoluta sufrida nestes catro anos“.

Acompañada doutros membros da lista, Olga Louzao escolleu como escenario para presentar o seu Programa o Cuartel de San Fernando, que Cidadáns quere converter en colexio público, por ser unha das principais apostas que Olga Louzao pretende levar a cabo nos vindeiros 4 anos.

“Cs presenta un Programa de Goberno para traballar e gobernar desde o primeiro día de maneira seria e eficiente“, resumiu Olga Louzao. “Se son alcaldesa de Lugo farei que a cidade se esqueza destes catro anos de parálise absoluta, temos que recuperar o tempo perdido”, asegurou.

En materia de rehabilitación e transformación urbana, o programa de Ciudadanos inclúe medidas para revitalizar a Avenida da Coruña, Fontiñas, Recatelo, a Ronda da Muralla e “todos e cada un dos barrios da cidade, porque todos os veciños e veciñas de Lugo pagan impostos e todos os barrios deben ser tratados por igual e ter os mesmos servizos e dotacións”. “Faremos unha cidade limpa e coidada, cun transporte público eficiente e que chegue ás parroquias”, engadiu a candidata de Cs Lugo.

Outro dos eixos do Programa de Goberno de Cidadáns  é a súa parte social.”Faremos un Lugo vivo para que o disfruten as persoas, cunha zona verde até o río atravesando o Carme, cun colexio público no Cuartel de San Fernando, cunha escola infantil no Quiroga Ballesteros e o Museo da Romanización no Fogar de Santa María. Unha cidade para os nosos nenos, cun parque multiaventura no río Miño e un pavillón e unha nova piscina na Abella e con novas maneiras de coidar aos nosos maiores como se merecen, fomentando a súa autonomía persoal e impedindo a súa soidade”, resumiu Olga Louzao.

A terceira das patas do Programa de Cidadáns está encamiñado a “crear oportunidades para que a xente nova non teña que marchar de Lugo”. “Lugo ten que despegar, xerando novas oportunidades de futuro, impulsando novas iniciativas empresariais, cun Plan de Desenvolvemento Industrial e unha liña de créditos reembolsables para autónomos, apoiando o comercio e a hostalaría local e apostando de verdade polo turismo”, defendeu.

Finalmente, Olga Louzao asegurou que “para lograr un Lugo vivo é necesario unha Administración Local que non sexa un freo e un obstáculo como é hoxe. Para lograr un Lugo Activo ten que haber un Concello que funcione. Hai que acabar coa burocracia e baixar os impostos ás familias”, concretou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo