Lugo acolle o 16 e 17 de decembro o Congreso de cultura dixital #Inlugo16

Un ano máis, e xa van catro, Lugo será o epicentro das redes sociais e da cultura dixital por unha fin de semana. Os vindeiros 16 e 17 de decembro, o Pazo de San Marcos da capital lucense acollerá o tradicional Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO16, que chega á súa cuarta edición e que xa se converteu nunha das citas de referencia en Galicia e España.

O Deputado de Innovación, Pablo Rivera Capón, presentou este luns a cuarta edición deste encontro, nacido co obxectivo de fomentar o uso da rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación e reflexionar sobre o papel das mesmas na sociedade actual.

A cuarta edición do #INLUGO contará con destacados expertos e figuras relevantes da rede que compartirán nesta cita os seus coñecementos cos asistentes. O fenómeno de Instagram e dos instagramers será o primeiro dos protagonistas que chegará da man de Phil González, Head of New Media AMC Networks para a península e América Latina e embaixador de marca de Sony Mobile, pero sobre todo é creador da maior comunidade de usuarios da coñecida rede social de fotografía, http://instagramers.com/, con presenza en centos de cidades do mundo e en continua expansión.

Tras el contará no #INLUGO16 con Bárbara Yuste (@byuste), xornalista e profesora na Universidad Carlos III y Camilo José Cela de Madrid y directora de http://bez.es; Javier Pedreira (@wicho), autor do blog Microsiervos e especialista en Cultura Dixital; Juan García (@blogoff), director de Escuela Bitácoras; Daniel Basteiro (@basteiro), xornalista e cofundador de El Español (@elespanol); Sebas Mouret, estudante e youtuber de éxito ou Miguel Ángel Lureña (@gominolasdepetroleo), doutor, licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador  do afamado blog divulgativo gominolasdepetroleo.com, entre outros.

O cadro de relatores irase ampliando ata completar unha listaxe de preto de vinte nomes, cuxo perfil e traxectoria irase debullando nos vindeiros días na páxina web oficial (inlugo.com) e as redes sociais do evento, Facebook (facebook.com/CongresoInLugo) e Twitter (twitter.com/in_lugo).

Este ano, o #inlugo16 ten un marcado acento lucense. Como mostra, unha das citas chaves do evento será a presentación de empresas, iniciativas e proxectos que se están a desenvolver na provincia e nos que a rede ten unha especial importancia xa que os axudan a se dar a coñecer e tamén triunfar. A mañá do sábado estará reservada ao espazo “Lugo na Rede” onde teremos, entre outros, a Simón Cabarcos (@blindaxe_sport), director de Blindaxe Sport e ata un total de catro iniciativas que teñen as redes sociais e internet como principais impulsores.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com