“Lugo na memoria” a nova aplicación interactiva que permite un percorrido pola súa historia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe unha aplicación interactiva que permitirá aos usuarios ir percorrendo, a través do extenso fondo documental fotográfico municipal, a trama urbanística da cidade e a súa evolución desde a época medieval á moderna.

A aplicación ‘Lugo na memoria’ recolle tres itinerarios: o que segue o trazado do Camiño Primitivo (desde a Porta de San Pedro a Porta de Santiago); outro que parte de Obispo Aguirre e sae por San Fernando, e o terceiro que recolle a ampliación urbanística do século XIX (Progreso, Estación). Cun formato baseado en fotografía panorámica e en 3D e que mistura fotografía real e histórica, a aplicación inclúe un mapa que permite ao usuario unha maior interacción para que poida desprazarse ao punto que desexe, realizando paradas en puntos de información onde se explican 360 espazos e edificios emblemáticos elixidos na cidade. Ademais, inclúese planimetría que pode ser de intereses tamén para os urbanistas.

A aplicación subirase á web do Concello de Lugo nuns días, e desde ese enlace poderase utilizar tamén a través dos teléfonos móbiles e con gafas de realidade virtual.

Lara Méndez presentou a aplicación acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, e polos alumnos e alumnas que desenvolveron esta aplicación.

O traballo formou parte da súa formación no obradoiro de emprego ‘InteracTICvate’ que se impartiu no CEI Nodus co fin de impulsar a cualificación profesional e a inserción laboral dos seus participantes. Os alumnos realizaron as reportaxes fotográficas, o traballo de documentación e os contidos da aplicación, así como a súa edición.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo