Igualdade de dereitos entre mulleres e homes

Lugo reivindica no Día Internacional da Muller a igualdade de dereitos entre mulleres e homes

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, xunto con representantes de todos os partidos políticos presentes no Concello, da Deputación , Xunta e Subdelegación do Goberno, participaron este martes nos actos programados con motivo do 8 de marzo para ensalzar o papel da muller. Entre eses actos atopábase a lectura dun manifesto, a entrega de premios Entre Mulleres e a proxeción dun documental.

Nesta ocasión, o manifesto do Concello foi lido por Rosario Maya Montoya, da Fundación Secretariado Gitano, que denunciou as políticas de recortes na lei para a igualdade efectiva e nas medidas de protección integral contra a violencia de xénero, así como as desigualdades existentes no ámbito sociolaboral entre mulleres e homes.

Que se garanta a igualdade de mulleres e homes no acceso, mantemento e promoción do emprego, coa aprobación dunha Lei de igualdade salarial que elimine a fenda (24% de diferencia entre as retribucións dos homes e das mulleres que se eleva ata o 38% nas pensións.

Un sistema coeducativo que garanta a igualdade entre os sexos en todos os niveis e que incorpore os intereses, coñecementos e historia das mulleres no currículum.

Que se garanta a liberdade de elección das mulleres sobre a súa maternidade, e recoñecer e respectar os dereitos sexuais e reprodutivos.

A elaboración dunha Lei Integral contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual. A forte demanda de servicios sexuais, especialmente no noso país, mantén a explotación das mulleres, que son pobres e migrantes, na súa inmensa maioría.

Ou Mellorar a resposta institucional para a atención, protección e seguridade efectiva das mulleres vítimas da violencia de xénero

A Alcaldesa fixo un chamamento para que todas as administracións e a sociedade introduzcan a igualdade como eixo prioritario para correxir as diferenzas socioeconómicas e para loitar contra as violencias machistas e traballar así para o fortalecemento da representatividade e a participación social, política, cultural e económica. “Aínda queda moito por facer”, asegurou Méndez, ao tempo que lembrou os últimos pasos que deu o Concello de Lugo neste senso, no que por primeira vez hai máis mulleres que homes tanto no Goberno como na Corporación.

A cooperación internacional, premiada

As cooperantes Ana Vila Montero e Emilia Naveiras, a título póstumo, recibiron este martes os premios do Concello Entre Mulleres, polo seu labor en iniciativas sociais, un acto ao que asistiron ducias de persoas. A corporación municipal mantivo un encontro vía skype con Vila Montero, que se atopa traballando en Nicaragua “aumentando os lazos solidarios con Galicia e loitando polos valores nos que sempre creu, fe, xustiza, compromiso, amor, amizade e solidariedade”, tal e como manifestou González Abelleira. No encontro virtual, Vila Montero amosouse agradecida por recibir este galardón e puxo voz á realidade das mulleres de Nicaragua, que sofren a desigualdade nos eidos da educación e da saúde.

Unha amiga de Vila Montero e a irmá de Naveiras foron as encargadas de recoller unha figura de María Castaña e un ramo de flores da man da Alcaldesa, artigos cos que o Concello quixo homenaxear ás cooperantes.

Posteriormente, proxectouse un documental sobre as irmáns Elisa e Jimena Fernández De La Vega, as primeiras mulleres licenciadas en Galicia e Asturias, un vídeo elaborado pola Fundación TIC en colaboración co instituto Lucus Augusti.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo