Lugo tínguese de negro en rexeitamento ás violencias machistas

Baixo o lema Lugo en Negro contra as violencias machistas,  Deputación e Concello de Lugo, acompañados de representantes doutros concellos da provincia e de diferentes asociacións, iniciaron os actos en conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia Machista que se celebra mañá, 25 de novembro. Comezaron cun percorrido dende a Escola de Imaxe e Son ata a praza de San Marcos onde a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, leu un manifesto no que lembrou a prioridade que debería ter nas administracións o traballo en contra desta violencia pola que se rexistraron neste último ano 44 mortes de mulleres a mans das súas parellas en todo o Estado.  

Mendez destacou a necesidade de “atallar as causas estruturais desta violencia dende a educación” e asegurou que unha das solucións pasa polo desenvolvemento de novas políticas. No manifesto, a rexedora lembrou que a violencia machista é “a manifestación máis terrorífica das desigualdades de xénero e que non respecta fronteiras nin culturas. Unha realidade estrutural que afecta, segundo ONU Mulleres, a un 35% das mulleres do planeta”. 

No que vai de ano, pódense contar 99 feminicidios, aínda que as cifras oficiais rexistran 44 mulleres asasinadas por violencia machista no conxunto do Estado, 1 delas en Galicia. Na última década, as estatísticas falan de 574 e 40 asasinadas a nivel estatal e galego respectivamente sendo, estes datos, para a rexedora “a punta do iceberg do que realmente están padecendo as mulleres en situación de violencia e as súas fillas e fillos. Mais o 25 de novembro non é só un día para o recordo ás vítimas, o 25 de novembro debe ser un día para a acción, un día no que manifestar o noso compromiso contra as violencias machistas”.

Méndez rematou o manifesto coa frase que máis se está a repetir durante o día contra as violencias machistas nos últimos anos: “Sempre libre e viva“.

Tamén Darío Campos falou sobre esta lacra defendendo que “dende o Concello e a Deputación de Lugo queremos reiterar o noso compromiso para loitar pola erradicación das violencias contra as mulleres; amosando, ademais, o noso firme rexeitamento de quen a exerce e da complicidade de quen as silencia“.

Os actos en rexeitamento das violencias machistas continuarán durante toda a fin de semana en diferentes puntos da cidade de Lugo, así como noutros 16 concellos da provincia.

Neste mesmo eido, a agrupación comarcal de Esquerda Unida en Lugo, ten convocada  para mañá e xunto a outras organizacións políticas da cidade, unha concentración ás 7 da tarde diante do Concello de Lugo, para sumarse á acción de protesta conxunta de todo o movemento feminista galego con motivo do 25 de novembro. Na concentración reclamaránse políticas transversais que inclúan a perspectiva de xénero en tódolos ámbitos de xestión política e recursos económicos así como persoal especializado suficiente para desenvolver ditas medidas

O BNG-AA anunciou o seu apoio a esta concentración na que tamén estarán presentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo