" />

Lugonovo afea ao goberno polo estado de abandono da contorna do Campus

A agrupación municipal Lugonovo denuncia a situación de abandono na que se atopa a Avenida Bernardino Pardo Ouro, nos arredores do Campus Universitario, onde a maleza, explican, comeza a provocar molestias aos viandantes. “Boa parte da beirarrúa permanece ocupada polas silveiras e o aparcadoiro de bicicletas e a papeleira, directamente, desapareceron debaixo delas”, informa a agrupación.

 

“A envergadura da vexetación está a inutilizar as dotacións da vía. Mermou considerablemente o espazo dispoñible para camiñar e invadiu o mobiliario urbano instalado na zona, impedindo o seu uso”, explica Iñaki García, o edil da formación cre que a falta de mantemento está a afectar negativamente á imaxe da contorna, que tamén noutros puntos próximos reflicte un pésimo estado de conservación.

“O pasado mes de novembro xa trasladamos unha queixa ao goberno local instando a mellorar a limpeza e a sinalización viaria do Campus. A nosa petición salientaba, especialmente, as malas condicións nas que se atopa a Rúa Filarmónica Lucense pero, sete meses despois, lonxe de adecentarse, aínda presenta maior deterioro”, afea García Gómez.

“Estamos a falar dunha estrada de moito tránsito que vertebra a Facultade de Humanidades con Alfonso X. Agora mesmo, por exemplo, non hai estacionamento no que se distinga a delimitación das prazas, que adoecen dunha man de pintura urxente”, advirte o concelleiro.

Dende Lugonovo cren que este é o momento axeitado para acometer as tarefas de acondicionamento tendo en conta que as vacacións de verán rebaixan considerablemente a circulación no Campus e que a climatoloxía propia da estación favorece o resultado dos traballos. Iñaki García avanza que, neste senso, presentará un rogo á vindeira Comisión de Infraestruturas para que o executivo se faga cargo da reivindicación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo