Lugonovo amosa a súa decepción pola “falta de compromisos da Xunta coa cidade”

O grupo municipal Lugonovo manisfestou hoxe que a pasada reunión entre a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, “non serviu para acadar máis compromisos por e para Lugo”.

“Esa falta de concreción deixa poucas esperanzas para o futuro inmediato da nosa cidade en temas especialmente relevantes, como a posta en marcha do servizo de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear no Hula que queda unha vez máis sen resolución próxima”, explicaron.

Dende a formación afirman estar “especialmente preocupados” por mor de que a alcaldesa “non fora quén de acadar ningún compromiso real para levar adiante as mocións aprobadas no último pleno municipal relativas á dotación de servizos no barrio da Residencia e para mellorar as condicións nas que se atopa o sector lácteo”.

Critican do mesmo xeito as “inconcrecións” no que respecta a entrega do Auditorio Municipal nos vindeiros meses, por parte da administración autonómica. “Un edificio que estará rematado exteriormente pero que contará no seu interior con moitas deficiencias, como grandes espazos sen utilidade, un mal deseño dos escenarios, ou a ausencia de foso para orquestras o que dificultará o desenvolvemento dalgúns dos espectáculos. Todos, erros construtivos graves, que terá que asumir o Concello cos conseguintes custes para as arcas municipais”.

Lugonovo amosa a súa sorpresa porque “Lara Méndez non lle trasladara ningunha inquietude ao presidente da Xunta sobre o “deterioro no que se atopa a Muralla, na que se aprecian importantes fendas en boa parte dos cubos sen, de momento, ningunha solución para reparalas, e mesmo que tampouco fixera partícipe ao mandatario da necesidade que ten a nosa Estación de Autobuses, primeiro punto de contacto do visitante ca cidade, dunha rehabilitación integral a altura do interese turístico xerado por Lugo”.

No resto dos asuntos tratados, como as obras do cuartel de San Fernando ou a dotación de infraestruturas educativas no Sagrado Corazón, instan ao equipo de goberno a “que cumpra cos prazos establecidos e axilice as tramitacións necesarias co fin de sacalos adiante e non deixándoos caer no esquecemento como xa aconteceu coa rehabilitación prevista para a zona do Agro do Rolo”.

Asemade fixeron unha valoración sobre os datos do paro coñecidos hoxe, “cifras pouco optimistas cualitativamente e que, entendemos, non se corrresponden coa realidade xa que só tratan de distorsionar o panorama laboral para conquerir réditos electorais”.

Dende Lugonovo afirman que esa porcentaxe dun 6’5% de contratos indefinidos “hai que poñela fronte á maioría dos empregos que son temporais e que só conducen á precariedade o que imposibilita o crecemento do consumo e da demanda interna e fai pouco crible a consolidación da recuperación do país”, concluíron.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com