" />

Lugonovo votará en contra dos orzamentos “a falta dunha negociación suficientemente seria”

O voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, dixo hoxe que “estamos ao límite da nosa paciencia” en relación á actitude que, segundo o grupo, está adoptando o goberno local na elaboración dos orzamentos. Fernández Rocha presentou en rolda de prensa 44 propostas para incluír nas contas deste ano, pero lamentou non poder “facelo dunha maneira directa con eles (o goberno) porque non houbo unha negociación o suficientemente seria para facer destas propostas”.

Desta maneira, acusa ao executivo local de desoír os resultados das eleccións municipais, nas que “a cidadanía votou pluralidade”, polo que “o protagonista da lexislatura tiña que ser o dialogo”. Tamén de non querer asumir que están en minoría numérica, con 8 edís dos 25 que ten a corporación: “Xa non é cuestión de intuición, senón de aritmética, e os números non son opinables, son constatables. Ou asumen o resultado ou van directos ao precipicio”.

Aínda así, Fernández Rocha manifestou que seguen “dispostos a dialogar” en torno a esa batería de propostas pero, matiza, “só en coherencia co noso voto de investidura”. Neste sentido, o voceiro asegurou que “seguimos á espera”, e insta ao goberno a abandonar o seu “autismo”. Pero polo momento, “nesta situación votaremos non aos orzamentos, é unha evidencia”. Para cambiar o sentido do seu voto “primeiro teremos que sentarnos a dialogar e chegar a acordos en base ás propostas que temos enriba da mesa”.

A alcaldesa non se dá por aludida. “Con Lugonovo tivemos varias conversas e seguiremos manténdoas para chegar a acordos”, dixo Lara Méndez, ao tempo que explicou que o grupo “pode ter esa percepción porque empezamos coas xuntas de voceiros e deixamos de ter conversas bilaterais cos grupos, pero retomarémolas”. Do mesmo xeito a rexedora dixo que terán en conta as propostas da oposición. “Aquelas factibles e viables economicamente sumaranse aos orzamentos”.

Propostas

En canto á batería de medidas propostas por Lugonovo, Fernández Rocha estableceu como prioritarias as relacionadas coa acción social, a xeración de emprego, “a solución do problema que hai no persoal neste concello”, a estratexia de promoción turística, ou a posta en marcha do consello municipal de cultura.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo