Lugonovo critica que o goberno local non corrixa o deterioro das pistas das Pedreiras

As pistas de atletismo das Pedreiras continúan acumulando queixas dos usuarios, así o asegura o edil de Lugonovo, Iñaki García, quen afirma que o seu partido instará ao goberno local a revisar o mantemento destas instalacións deportivas da cidade “ante a falta de coidados que evidencian”. García asegurou que é a terceira vez que a agrupación municipal  fai esta reclamación.

“Durante esta fin de semana o recinto deportivo presentaba un mal estado, que é impropio da súa categoría e do servizo que presta”, relata Iñaki García quen asegura que as papeleiras non se recollen polo que o lixo “amoréase ao pé das mesmas, pero tamén na parte traseira das bancadas onde se xuntan cabichas e botellas de plástico”.

O edil da formación lamenta que ao desgaste natural das dotacións se sume a presenza de malas herbas entre as xuntas do circuíto, e critica que tras varias peticións do seu grupo ao concello, o executivo local “continúe sen corrixir estas deficiencias”.

Entre outros aspectos que “é preciso mellorar”, García Gómez refire a necesidade de limpar as grellas dos sumidoiros “dado que algunhas están parcialmente cubertas de suciedade o que pode derivar nun problema maior cando chova”. Do mesmo xeito, asegura o edil, habería que revisar as duchas para evitar accidentes.

A agrupación trasladará todas estas reivindicacións ao equipo de goberno mediante un rogo na vindeira Comisión de Infraestruturas e Deportes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com