Lugonovo cualifica de “trampantollo” os orzamentos autonómicos

“É unha magoa que non haxa eleccións cada ano… é a única maneira de que Lugo figure, para o Partido Popular, dentro do mapa galego”. Así falaba a voceira municipal de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz á hora de valorar os orzamentos presentados pola Xunta quére, en vista de Pez Herráiz, reduce os presupostos para o 2019 a unha “táctica propagandística e partidista” por parte do Executivo Autonómico.

A portavoz do Grupo Municipal congratúlase, en parte, de que, despois de tanto tempo agardando, por fin se acheguen investimentos para proxectos como o Centro Integral de Saúde, no barrio da Residencia, ou a Autovía Nadela – Sarria, mais lamenta que se sigan a esquecer partidas para actuacións tan importantes e demandadas como a Rolda Leste ou o Centro da Romanización en San Fernando.

“Cero absoluto para ámbalas dúas infraestruturas é un desprezo semellante a outorgar 30.000€ para a Estación Intermodal ou os sempiternos 450.000€ que irán a parar ao potencial peto do Plan Paradai”, afea Pérez Herráiz.

A formación destaca, así mesmo, o carácter “ficticio” do montante local que arroxan os presupostos e cualifica de “desvergoña” que se inclúa neles unha consignación para o Auditorio. “Resulta ofensivo que o señor Feijoo pretenda enganárno-lo ollo e nos diga que gastará 400.000€ en rematar o edificio cando ese diñeiro, e moito máis, xa o pon a cidadanía lucense. E non só iso, senón que, grazas á marabillosa xestión que fixo a
alcaldesa, o executivo galego aínda recibirá a maiores, como propina polo bo trato e consideración que nos dispensa, un millón e medio de euros, diferenza entre o que custa equipar a dotación e o que se aforra coa exención do IBI. Cartos que, dende Lugonovo, lle pedimos, teña, cando menos, a honestidade de descontar para falar con realismo das contas que a Xunta bota en Lugo”, conclúe a voceira.

“O Goberno de Lara Méndez é unha ruína para a cidade”

Pola súa banda, a voceira de Cidadáns, Olga Louzao, criticou que a alcaldesa “perdoe” á Xunta de Galicia máis de 8’5 millóns de euros para rematar o auditorio na Avenida de Magoi e construír o centro de saúde no antigo Materno-Infantil, no barrio da Residencia.  “O Goberno de Lara Méndez é unha ruína para a cidade e sempre que negocia coa Xunta faino en contra dos intereses de Lugo”, asegurou Louzao, que cualificou de “convenios timo” os asinados tanto para o auditorio como para o barrio da Residencia.  

Olga Louzao puxo como exemplo o convenio asinado hai un ano para equipar o novo auditorio. “Quedou demostrado que ese convenio era un timo, como xa dixemos no Pleno no seu momento, porque ademais de ser os lucenses os que imos pagar integramente ese equipamento, a Xunta de Galicia fai negocio e embólsase 1,5 millóns de euros”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo