" />

Lugonovo cuestiona os resultados da lea de atrís que PSOE e PP levaron á Tinería

Hoxe ábrese o prazo para solicitar o alugueiro dos locais comerciais dos que dispón o Concello na Tinería. E Lugonovo pregúntase se o goberno terá igual nivel de esixencia para sí mesmo que imporá aos adxudicatarios, aos que lles obriga a iniciar a actividade do negocio en catro meses a partires de que lles sexa entregado.

“Pero a cuestión é outra ¿será a administración local capaz de outorgarlles a eles, nese prazo, os permisos necesarios?”. A portavoz do Grupo Municipal afea a dobre vara de medir do executivo, que precisa dunha media de dous anos para resolver os trámites para os que a lei estima suficiente un trimestre.

Cristina Pérez Herráiz cuestiona tamén a fórmula escollida pola alcaldesa para impulsar o emprendemento na cidade, cando traslada ao arrendatario a carga económica de rematar o inmoble. “As propias bases xa especifican que o recinto será entregado en bruto. ¿Pero que emprendedor pode permitirse investir como mínimo 10.000 euros en acondicionar un establecemento que, como moito, só pode aproveitar catro anos e que, a continuación, rendibilizará outro? ¿Realmente lle compensa?”.

A xuízo da voceira da agrupación, “son, a todas luces, criterios improvisados, froito da lea de atrís na que a rexedora se ensarillou coa Xunta para obter protagonismo mediático pero que, para nada, solucionarán as carencias do barrio”. “Está claro que o interese institucional que se amosou naquel intre pola recuperación da Tinería non foi máis que un espellismo. Un compromiso efímero que agora se demostra, tiña o obxectivo posto nos focos e non na corrección definitiva das problemáticas que lle afectan”, advirte Pérez Herráiz.

“A degradación deste espazo obedece a un proceso case crónico sen que, con esta tentativa de viveiro empresarial, se consiga dar cabo das necesidades transversais das que adoece o Casco Histórico. Os propios termos da cesión, que só beneficia ao ente autonómico, así como a medida desenvolvida de forma illada e sen o acompañamento doutras actuacións, non servirá nin para erradicar a prostitución, nin para asistir ás mulleres explotadas, nin tampouco para rexenerar urbanísticamente a contorna ou dotala de servizos e asentar poboación. Só contribuirá a que o Concello axude a engrosar as arcas do IGVS a razón de 15.000 euros ao ano (logo de descontar a renda mensual que aportan os inquilinos) mentres dure o convenio asinado”, conclúe a portavoz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo