" />

Lugonovo denuncia a desprotección dos participantes do programa “Adaptabilidade e Emprego” cando remate

O Grupo Municipal Lugonovo denunciou hoxe a “situación de desprotección na que quedarán se non se remedia”, os participantes do Programa Operativo “Adaptabilidade e Emprego”, impulsado pola Xunta, posto en marcha polo Concello de Lugo e financiado polo Fondo Social Europeo.

A iniciativa permitiu a contratación de vinte persoas, procedentes, todas elas, dunha situación de risco e/ou exclusión social, durante sete meses e a media xornada, tempo no que deixaron de percibir a Risga, ó non ser esta axuda compatible co proxecto.

Iñaki García, concelleiro de Lugonovo, sinalou que “cando remate o programa estes traballadores volverán a quedar nunha situación moito máis crítica ca que tiñan anteriormente, xa que a duración do contrato, a tempo parcial, e o salario que perciben por el, e que a penas supera os 500 euros, só lles dará acceso a unha paga aproximada de 200€ e durante un tempo moi limitado, o que os obriga a vivir nunhas condicións de pobreza e miseria por ter aceptado o traballo”.

Dende Lugonovo piden que “se busque unha solución para estes veciños, que o concello tome conciencia da situación na que quedarán a partir de novembro e propicie a maneira de corrixilo. Pensamos que a chave pode estar en que, antes da súa finalización, o equipo de goberno tramite ca Consellería de Traballo e Benestar unha prórroga do contrato ata completar o ano”.

Aportan asemade outra solución, a de que sexa o propio Concello quen asuma esa prórroga “e o faga ademais a xornada completa garantindo para eses vinte lucenses que despois terán catro meses de paro, cun salario digno así como á posibilidade de acollerse a algunha outra prestación social”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo