Lugonovo denuncia unha nova ocupación na Milagrosa derivada do abandono do barrio

Lugonovo denuncia a ocupación ilegal, esta mañá, da vivenda número 28 da Rúa da Milagrosa. Un edificio de tres plantas (baixo e dous pisos), en estado de abandono, que hoxe mesmo era ocupado, definitivamente, logo de que nos últimos días varias persoas entrasen a vivir nas dúas plantas superiores.

A situación derivou en momentos de tensión entre a veciñanza que solicitou a intervención da policía ante o estrondo que procedía do inmoble. A formación atribúe a dexeneración que está a sufrir este barrio da capital ao deixamento do goberno e á falta de intervencións en materia urbanística e de alternativas habitacionais.

“A construción, que fai esquina coa rúa Menorca, leva moito tempo deshabitada, nun estado calamitoso. E coma esta casa moitas máis. Se o executivo segue de brazos cruzados toda a contorna acabará esmorecendo”, subliña Xosé Chorén, candidato á alcaldía do partido, e que estende a problemática a outras partes da cidade como San Roque, esquecidas dende hai moito tempo pola administración local.

O alcaldable lamenta que o equipo de goberno “non avanzara nada” nestes catro anos no Arru previsto para A Milagrosa e Agro do Rolo, para os que propón unha rexeneración como lugar singular no seu conxunto, entre outras medidas encamiñadas á recuperación, dinamización e humanización dos espazos públicos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com