Lugonovo impulsará a creación dunha rede solidaria para aproveitar os excedentes alimentarios da cidade

Baixo esa premisa “Que non se perda ningún recurso”, o Grupo Municipal Lugonovo propón a creación dun movemento solidario capaz de sumar esforzos, tanto públicos coma privados, para que o sector hoteleiro, o pequeno comercio, as organizacións non gobernamentais e o Concello colaboren entre si cun único obxectivo: garantir que ningunha familia lucense pase fame.

Lugonovo tratará de obter o apoio do resto dos partidos da corporación na xunta de voceiros para levar ao vindeiro pleno municipal unha proposición conxunta ao respecto. A formación agarda conseguir o compromiso de todos os grupos para artellar a fórmula máis adecuada á hora de xestionar os excedentes alimentarios de toda a cidade e que estes non rematen desperdiciados nos contedores.

O portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha proporá que, cada xornada, tanto os menús preparados que non se comercialicen nos restaurantes e hoteis da capital, como aqueles produtos perecedoiros que por cuestións estéticas xa non se poidan poñer á venda, sexan recollidos e levados ao comedor social ou a aquelas institucións que traballan distribuíndo comida entre os máis necesitados. “Compre buscar a fórmula máis adecuada, entre as ferramentas municipais e o voluntariado para xestionar o modelo de traballo e organización desta rede solidaria”.

Fernández Rocha suxire que o Concello colabore de diferentes maneiras, por exemplo, cedendo, se é posible, algún vehículo do parque móbil durante algunhas horas ao día para o transporte dos alimentos, baixando un 5% a taxa de lixo aos establecementos que colaboren na campaña, atopando un mediador que sexa capaz de optimizar e coordinar as aportacións sociais, etc… “O que é unha vergonza e algo intolerable é que, cada día, miles de alimentos vaian a parar ao colector cando hai moitas familias que pasan fame. Dende Lugonovo non podemos entender cómo as administracións asisten a esta situación sen poñer en marcha ningunha medida ao respecto. Hai moitas sinerxías que se poden aproveitar, tendo disposición, e moitos incentivos que se poden ofrecer para animar aos negocios a colaborar nesta campaña. Estamos seguros de que sumando os esforzos de todos pódese conseguir un ben maior”, sinalou.

Asemade dende o Grupo Municipal Lugonovo impulsaranse varios encontros nas próximas semanas entre todos os sectores implicados que queiran participar desta iniciativa,  que nun primeiro momento, conta co beneplácito de entidades como Cáritas Interparroquial, a Asociación Provincial de Hostelería ou a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com