Lugonovo lembra que segue existindo un conflito grave coa Policía Local

“Fíxose esperar esta actitude contundente para que o corpo de Policía cumpra axeitadamente co seu labor” sinalou hoxe a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez Herraiz. “Vimos dicindo dende hai moito tempo que existe un problema coa Policía Local que o goberno é incapaz de resolver”. Así se expresou a portavoz da agrupación, ante o anuncio do expediente disciplinario aberto a varios axentes polos insultos vertidos contra a alcaldesa no marco dunha xuntanza relativa á reorganización do corpo ante a prexubilación de case unha trintena de efectivos.

A portavoz destacou que 2019 está a ser un ano “errático” para a Policía Local con ordes e contraordes que evidencian unha falta de perspectiva e de proxecto. “É a cidadanía a que está a sufrir pola falta de efectivos” lamenta Pérez Herraiz, quen lembra que “a xestión do tráfico e a aplicación das normativas que o regulan son as primeiras damnificadas, afondando nunha situación insostible para a mobilidade local”.

Non obstante, salientou a vontade de Lugonovo de “contribuir a que se cumpra a lexislación vixente e se equipare o horario da Policía coa do resto do funcionariado, cumprindo a normativa sobre incompatibilidades laborais e trasladando o control das baixas á Seguridade Social”. O camiño aberto por Lara Méndez é o dunha “policía insurrecta” en troques dunha “policía de proximidade que mellore a vida da cidadanía por medio dun servizo público eficaz” aseverou. “En Lugonovo, novamente, este goberno terá un aliado se quere que a cidade funcione, e un feroz crítico se, no canto de aprender dos erros, continúa por un camiño equivocado”, salientou Pérez Herraiz.

“Nós xa alertabamos hai dous meses que a carencia de mando é responsabilidade do Concello, e que sen ese mando a Policía Local nunca poderá ser un corpo operativo e útil para as necesidades da cidade e da veciñanza” rematou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com