Lugonovo pide a adaptabilidade progresiva dos parques infantís

Os concelleiros do Grupo Municipal Lugonovo agardan que no vindeiro Pleno a Corporación teña en conta o rogo que veñen de rexistrar para adaptar, de forma progresiva, os parques públicos e de esparexemento infantil con mobiliario axeitado que garanta a accesibilidade e a inclusión de todos os nenos e nenas da cidade.

“Queremos que aproveitando as tarefas de mantemento e de reposición, o material que se incorpore nestas áreas de recreo cumpra cas características de accesibilidade, e que cando se proxecte a ampliación ou a nova creación dalgún destes espazos, o Concello garanta este requisito co fin de que todos estes lugares de lecer estean adaptados á totalidade da poboación, incorporando ademais elementos de xogo que propicien que calquera neno, sen excepción, poida desfrutar deles”, destaca o seu portavoz, Santiago Fernández Rocha.

“Seguindo o criterio dos especialistas na materia, o aconsellable non sería deseñar áreas específicas para nenos ou nenas con algunha dificultade, senón ó contrario, crear entornos inclusivos que conten con elementos e estruturas nas que toda a poboación infantil teña cabida e se sinta cómoda e integrada”.

Lugonovo aposta porque tódolos parques reúnan as condicións que contempla a nova normativa comunitaria vixente (UNE-EN 1177 e 1176); un compromiso que os edís do Grupo Municipal consideran que “non remata só con eliminar as barreiras arquitectónicas nestas instalacións senón que tamén debería ampliarse a outros aspectos, como a posibilidade de implantar bambáns para usuarios de cadeiras de rodas, xogos pintados con cores chamativas que faga máis sinxelo o seu uso para os que teñen dificultades visuais, así como outras pezas nas que collan dúas persoas para que os cativos poidan montar acompañados e se sintan máis seguros, letreiros con linguaxe braille que expliquen os diferentes xogos, etc”, apunta Fernández Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com