Lugonovo plantexa un novo goberno sumando todas as forzas da esquerda

O grupo municipal de Lugonovo insitía esta mañá na súa proposta de crear un novo goberno de todas as forzas da esquerda no Concello de Lugo, ante a situación, afirmaron, de inmobilismo xerada pola falta de apoios aos orzamentos de 2017.

O seu voceiro, Santiago Fernández Rocha, asegurou que sobran os motivos para que os partidos da oposición se absteñan de apoiar os orzamentos do Concello, “porque o goberno leva dous anos amosando unha reiterada incapacidade para a xestión. Porque non houbo nunca unha verdadeira vontade de cumprimento dos acordos pactados con Lugonovo durante a negociación anterior. E porque esa falta de seriedade o que denota é unha deslealdade absoluta coa nosa formación”.

Para o portavoz de Lugonovo “a absoluta soidade na que se atopa o executivo non é máis que o resultado dunha actitude arrogante e incoherente coa súa realidade numérica. Un factor que nunca tiveron presente para mudar a súa prepotencia por un ánimo de colaboración sinceiro”, polo que a agrupación, visto o que supón para o PSOE ter a toda a Corporación de costas, considera que hai que buscar alternativas, e afirman que a mellor é crear un novo goberno “de tódalas forzas de esquerdas”.

Unha proposta que o voceiro de Lugonovo xa lanzou durante o Pleno do Debate do Estado do Concello e que agora recupera como “a única maneira de acadar un executivo amplo que lle permita a Lugo saír da parálise na que se atopa”. “Xa o dixemos no seu día e agora o reiteramos. Seguimos dispostos a sentarnos en torno a unha mesa a dialogar sobre o futuro do goberno, contando co resto das forzas de esquerda. Este é o momento da responsabilidade e por nós non vai quedar. Cremos que, todos xuntos, temos a capacidade de que esta lexislatura non se perda”.

O reto lanzado ao resto dos grupos chega como unha posible solución á falta de rumbo e dun proxecto definido para a cidade, e tamén como unha alternativa a inestabilidade política que está a propiciar a minoría que o “Psoe non quere ver, nin asumir”.

 

“Nin por activa nin por pasiva, NUNCA apoiaremos unha moción de censura da dereita. Pero en lugar do NON polo NON, por compomiso coa cidadanía, preferimos poñer enriba da mesa unha alternativa viable, factible e acorde cos nosos principios de esquerda”, conclúe o voceiro de Lugonovo.

A alcaldesa, Lara Méndez, respondeu a Lugonovo esta mañá, afirmando non saber a que se refire esta formación, pois “nós sempre falamos de gobernos de coalición, unha posibilidade que se ofreceu no 2015 e da que volvemos a falar noutras ocasións porque sempre tivemos e temos a man tendida”. De calquera xeito, apuntou ao fracaso desta proposta, tendo en conta que “non son capaces de concentrarse en torno a un orzamento avanzado, falado e medianamente consensuado”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com