Lugonovo presenta a súa nova Coordinadora e o traballo que desenrolará este ano

A agrupación municipal de Lugonovo presentou esta mañá a súa nova Coordinadora, tras a asemblea realizada nos pasados días, e asegurando, afirmaron, o pluralismo de visións que define á propia agrupación con vistas xa a cita coas urnas que terá lugar en ano e medio.

No acto estiveron presentes varios membros da coordinadora, entre eles, o seu portavoz, Víctor Álvarez, os encargados de comunicación, Paula González e Carlos Neira; e, como non podía ser doutra forma, a voceira no Concello de Lugo, Cristina Pérez.

Nesta xuntanza coa prensa, os membros da coordinadora presentaron o traballo que a agrupación vai desenvolver ao longo do ano e medio restante ata as eleccións municipais de 2019 e, aínda que non teñen claro quen se presentará como candidato á alcaldía lucense, si saben que a súa campaña comeza agora e vano facer centrándose nas demandas da cidadanía.

Todos os membros da coordinadora amosáronse abertos a explicar á prensa as claves nas que centrarán o seu traballo, e aseguraron , ante as preguntas dos xornalistas, que non están máis cerca do PSOE que antes, senón todo o contrario e, en canto á política municipal, aseguraron que se perdeu un mes ao non aprobar os orzamentos, e que se Lara Méndez, en Marzo sae imputada, pedirán a súa dimisión.

Por outra banda, a formación aproveitou para presentar o ciclo de xornadas Urbes Habitables co que pretende achegarse aos distintos barrios do municipio para abordar as súas problemáticas e tratar de corrixilas. Un percorrido que Lugonovo decidiu iniciar na Tinería, co obxectivo de avaliar a situación real desta zona.

“Entendemos que a degradación deste espazo é un proceso case crónico sen que se teña conseguido dar cabo das súas necesidades transversais. Lonxe de propor solucións fáciles ou electoralistas, a nosa organización considera que só unha análise multidisciplinar pode achegar algo de luz que permita afrontar con perspectivas de éxito a súa recuperación. Por iso estruturamos as xornadas en tres bloques: urbanístico, social e económico e en cada un deles contaremos con persoas de recoñecido prestixio”, explica Cristina Pérez Herráiz.

O encontro, que terá lugar o vindeiro sábado 3 de febreiro, dende as 10:00 horas no establecemento Vinissi, contará, entre outras relatoras, coa que fora Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda entre 2005 e 2009, Encarna Otero Cepeda; coa Responsable de Muller en Aliad, Ana Barba ou co historiador Adolfo de Abel Vilela. Tralo evento, os participantes farán un roteiro guiado pola Tinería para coñecer o seu pasado histórico e comprender mellor o seu presente.

“Esperamos que Urbes Habitables sirva non só para chamar a atención sobre un enclave case esquecido no corazón da cidade, senón como unha humilde guía de propostas que poida axudar, primeiramente, a quen habita na zona e á zona mesma”, conclúe Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com