Lugonovo propón ampliar as bonificacións ao ICIO para rematar coas medianeiras de ladrillo

A agrupación municipal Lugonovo, propuxo esta mañá erradicar a “fealdade arquitectónica” e promover a conservación dos edificios mellorando a paisaxe urbana da cidade. Con ese obxectivo, o Grupo Municipal suxire a posibilidade de que o Concello amplíe ou engada unha nova bonificación ao ICIO para colaborar cos propietarios que queiran adecentar o aspecto das súas vivendas contribuíndo así a homoxeneizar o estado das construcións na capital.

“Son tantos os inmobles que están sen rematar que mesmo se podería elaborar un mapa do ladrillo”, enfatiza o voceiro da agrupación, Santiago Fernández Rocha, en alusión ao número de edificacións que aínda manteñen este material á vista nalgunha das súas medianeiras. “Instalacións inacabadas, que empobrecen a imaxe de Lugo e que ocasionan importantes prexuizos ás comunidades de veciños tanto polas perdas de enerxía que sofren os domicilios nesta situación, como pola aparición de filtracións e humidades que propicia o feito de non contar cun revestimento axeitado en tódalas súas frontes”, explica o portavoz.

Fernández Rocha relata que a obriga de finalizalas lle corresponde aos donos, tal e como recolle a última modificación da Lei do Solo, pero o mesmo marco normativo impón tamén ás administracións locais a responsabilidade de vixiar para que así se cumpra. “Mellor que a vía coercitiva é, sen dúbida, a da colaboración. Unha bonificación que aposte continuadamente pola rehabilitación de edificios e de medianeiras, podería ser un acicate para que os particulares se animen a asumir estas intervencións pero tamén podería supoñer a solución estética e urbanística ao problema. Sería ademais unha maneira de xerar actividade económica e de crear emprego”, conclúe o voceiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com