Lugonovo propón crear unha oficina de axuda á venda e promoción

Lugonovo propón poñer en marcha unha Oficina deAxuda á Venda e Promoción a disposición do tecido empresarial, que axude no deseño e comercialización dos produtos e ideas creados no municipio.

“Esta é unha das nosas prioridades. Estamos firmemente convencidos de que, para atender axeitadamente as necesidades sociais, precisamos dun dinamismo económico que o goberno local ten que impulsar de forma decidida. Por iso, entre as nosas iniciativas electorais se atopa, ademais desta oficina de asesoramento, o fomento da produción de proximidade, artesá e ecolóxica e a potenciación do pequeno comercio, un comercio de barrio e de tendas de proximidade que alén de beneficios, xeren tamén unha riqueza afectiva”, sinala Xosé Chorén.

O alcadable da formación participou hoxe, xunto a varias persoas integrantes da candidatura, no día do Comercio Xusto, para enxalzar o que xa se ten convertido nunha valiosa alternativa de consumo “que hai que seguir estendendo e proxectando” e aproveitou para incidir nas vantaxes da colaboración e do cooperativismo entre produtores a través do impulso de feiras anuais de produtos e tecnoloxía agroalimentaria.

“Impulsaremos a creación e establecemento de empresas que creen valor engadido no sector agrogandeiro, orientadas á transformación do leite e doutros alimentos que proceden do bosque como cogumelos, castañas ou froitos, ademais de propiciar que dende as administracións se xestionen prácticas laborais en sectores de interese estratéxico para a cidade, destinadas a dar oportunidades á mocidade lucense”, engadiu Chorén Vázquez.

A candidatura de Lugonovo aproveitou a xornada tamén para percorrer a Tinería e gozar da sesión vermú onde o alcaldable compartiu co sector hostaleiro todas estas propostas ademais doutras medidas que a Plataforma pretende impulsar para revitalizar o Casco Histórico.

“Lugonovo quere refacer o PEPRI, buscando o consenso dos axentes sociais afectados mediante a colaboración dos mesmos nunha Comisión específica, aplicando nesta contorna a filosofía do urbanismo táctico, orientada á recuperación e reaproveitamento dos espazos urbanos, tanto aqueles que se atopan baleiros, ao aire libre, como as propiedades públicas en desuso, pero sempre en colaboración coa sociedade, que debe ser o actor principal no deseño da cidade que quere habitar. Entre os nosos obxectivos atópanse os de mellorar as dotacións existentes e construír novas áreas de socialización, lecer e acceso á cultura todo iso baixo unha visión feminizada do urbanismo orientado á convivencia e aos coidados. Así, incluímos a recuperación do Carme, que goza dunha parcelaria medieval, mediante un plano específico que conserve e protexa o seu valor humano, paisaxístico e medioambiental”, explicou Xosé Chorén ao tempo que apuntou como factor elemental para a rexeneración da contorna amurallada a rehabilitación de vivendas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com