Lugonovo propón un recoñecemento institucional ao nadador Mauro Rodríguez

Lugonovo vén de suxerirlle ao goberno a organización dunha recepción oficial para o deportista paralímpico Mauro Rodríguez, que obtivo cinco metais nos recentes campionatos de España de natación adaptada, celebrados o pasado fin de semana na localidade gaditana de San Fernando.

O lucense logrou a medalla de ouro nos 200 metros mariposa así como dúas pratas, nos 100 e os 50 metros desta mesma categoría e sendos bronces nos 400 e 200 metros libres.

“Todo un referente de superación – destaca a portavoz do Grupo Municipal – que debe ser recoñecido dende as institucións, comezando pola administración local”. Cristina Pérez Herráiz enxalza a valía de Mauro Rodríguez, “non só no eido deportivo, onde cada ano revalida triunfos, deixando no máis alto do podio o nome da nosa cidade, senón tamén como referente inclusivo para toda a sociedade”.

“Estamos seguros de que a Corporación ao completo comparte con nós a transcendencia de visibilizar publicamente os seus logros e de felicitalo, unha vez máis, pola súa excelente traxectoria persoal”. “Un amplo historial de méritos – subliña a voceira – en moi diferentes competicións e entre os que tamén se inclúe ter sido o primeiro galego con síndrome de Down en conseguir, por oposición, unha praza de funcionario do Estado”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com