Lugonovo urxe a dotar de persoal a Oficina Agraria Comarcal

Lugonovo solicitará o apoio da Corporación para esixir ao executivo galego que se dote, de forma urxente, á Oficina Agraria Comarcal de Lugo do persoal necesario para que poida prestar un servizo público e de calidade.

A formación faise eco así das reivindicacións da Xunta de Persoal dos Servizos Periféricos da administración autonómica, compartindo, ademais, a súa preocupación polo abandono que amosa para co medio rural e o desmatelamento paulatino das prestacións que ofrece e que está a afectar á estrutura destas oficinas.

“A carencia de recursos humanos volveu a situación insostible, tanto para os empregados públicos que quedan e que deben asumir unha carga de tarefas desbordante, como para as e os administrados. Cómpre dicir que a RPT deste departamento recolle dous postos de administrativos e tres de técnicos dos que só dous están cubertos, un de cada categoría, ao non ser substituídas aínda as vacantes que deixaron en 2016 a xubilación dunha administrativa e, en xuño do 18, as comisións de servizo de dous técnicos destinados ao servizo de Infraestruturas Agrarias”, refire Víctor Álvarez Arias.

O concelleiro de Lugonovo fai fincapé na gravidade das circunstancias ao ter en conta o importante labor que desenvolve esta área de Medio Rural.

“A oficina local atende a seis concellos da zona centro da nosa provincia nos que operan 7321 explotacións agrarias, 694 delas prioritarias. Ademais, na actualidade funciona tamén como rexistro auxiliar de Presidencia tendo un volume anual de 3000 rexistros de entrada e 300 de saída; presta atención ao público a máis de 300 persoas ao día e xestiona máis de 1500 expedientes anuais de distinta natureza que supoñen investimentos próximos aos 10.000.000 de euros e aos 5.000.000€ en axudas públicas. Tramitacións que poden verse gravemente prexudicadas polas eivas que estamos a denunciar en tanto poden supoñer adiamentos na aprobación e pago de achegas e mesmo a perda de parte dos fondos europeos cos que estas se cofinancian – relata Álvarez Arias – polo que agardamos que a proposta que vimos de presentar sexa avalada polo resto de grupos ante o calado das consecuencias que tería manter en precario a Oficina Agraria Comarcal”, conclúe o edil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com