Marijé Díaz medalla Pardo Bazán a título póstumo

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia congratúlase pola decisión da Xunta de galardoar a título póstumo a Marijé Díaz, falecida no 2009, cunha das tres medallas Emilia Pardo Bazán que concede este ano. Estes galardóns, creados no 2019, recoñecen accións relevantes a favor da igualdade entre mulleres e homes.

María Jesús Díaz Sánchez, máis coñecida como Marijé Díaz, chegou a CCOO a mediados dos noventa, canda moitas outras compañeiros e compañeiros procedentes da CXTG. Foi membro da Comisión Executiva Nacional de CCOO entre 1996 e o 2000, período no que asumiu a Secretaría de Relacións Institucionais e Acción Social.

Durante ese mandato desenvolveu un intenso labor sindical. Foi parte de organismos como os consellos sociais das universidades galegas, impulsora das Xornadas sobre o Salario Social e defensora da reforma da lei que regula a renda de inserción de Galicia (Risga), entre outros moitos fitos.

A súa preocupación e coñecemento polas cuestións sociais levouna a fundar no ano 2001, no seu Lugo natal, a asociación Alar Galicia para loitar polos dereitos das persoas máis desfavorecidas, «incidindo sempre no rostro de muller da pobreza e sempre loitando pola igualdade de xénero e potenciando os recursos das mulleres para acadar o apoderamento real», salienta o xurado que outorga as distincións.

Na súa etapa á fronte de Alar, a asociación elaborou informes e medidas de apoio contra a violencia de xénero e vítimas de violencia machista. Dirixiu, ademais, estudos de investigación social para sacar á luz a realidade das mulleres que máis sofren e proxectos de inserción social e laboral de mulleres en situación de precariedade.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com