Mariña Patrimonio solicita a inclusión da turbeira de Arealonga no inventario de xacementos arqueolóxicos

Mariña Patrimonio ven de solicitar ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza a inclusión da turbeira de Arealonga, San Miguel de Reinante, Barreiros (Lugo), no inventario de xacementos arqueolóxicos, trala aparición dunha cornamenta de cervo e outros restos óseos da fauna que habitou no lugar hai uns 8000 anos.

Mariña Patrimonio considera necesaria que a Xunta inclúa este lugar como xacemento para que sexa debidamente protexido e se evite calquera acción que poida danar a turbeira e os restos que conserva.

Baixo as areas de Arealonga agóchase unha importante turbeira que nalgúns invernos o mar leva area da praia, e deixa ao descuberto a turba que conserva os restos dun antigo bosque que segundo as probas do carbono catorce, ten unha antigüidade duns 8000 anos. O pasado inverno a superficie que quedou descuberta foi especialmente extensa.

A acción do mar sobre a turba provocou o desprendemento de numerosos fragmentos que quedaron depositados na parte alta do areal.  “A aparición deste tipo de restos é algo excepcional en Galicia debido á acidez do solo, que impide a súa conservación. A turba, que actúa como conservante, permitiu que estes restos chegasen até nós”, sinalan dende Mariña Patrimonio.

Segundo a asociación, na primavera comezouse a ver polo areal as rodeiras de pas mecánicas que pisaron os restos da turba e mesmo estiveron a piques de destruír varios ósos. “Varias persoas, que adoitan pasear por este areal, recolleron ósos procedentes da turba e entregáronos a unha representante do CEMMA na Mariña (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños)”.

A comezos de verán, no transcurso do acondicionamento da praia, unha pa mecánica retirou unha gran cantidade de fragmentos de turba, susceptibles de conservar restos óseos. Tamén se realizaron movementos de area para encauzar tanto o río da Barranca coma un rego que se atopa xunto ao río.

“Estas prácticas poñen en perigo a turbeira e os restos que conserva; por iso, Mariña Patrimonio vén de solicitar ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia a inclusión da turbeira de Arealonga no inventario de xacementos arqueolóxicos co obxectivo de que se protexa e se evite calquera acción que a poida danar”, concluíron.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com