Maruja Mallo, Rosalía e Fanny Garrido no concerto “Mulleres mirando ás mulleres” que chega mañá a Lugo

O ciclo ‘Mulleres mirando ás mulleres’, un proxecto que une música e literatura, chega a Lugo mañá, 18 de setembro, ás 20.00 h no Círculo das Artes. De entrada libre ata completar aforo, no concerto participan a compositora e pianista Julia Dopìco, a pianista internacional Isabel Pérez Dobarro e as violinistas Raquel e Sara Areal. O concerto fará unha homenaxe ás figuras de Rosalía de castro, Eugenia Osterberger, Fanny Garrido ou Maruxa Mallo, entre outras.

Julia Dopico é unha das compositoras máis recoñecidas a nivel internacional. No concerto interpretaranse obras dela, precisamente inspiradas nestas artistas galegas, e que constituirán a parte máis nova dun programa que se complementa coa música da compositora romántica Eugenia de Osterberger, a de Margarita Viso ou a inspirada nos poemas de Fanny Garrido. Pola súa banda, Dobarro, nacida en Santiago de Compostela é profesora na prestixiosa London Performing Academy of Music e posúe unha ampla traxectoria concertística desde Carnegie Hall ata o Tchaikovsky de Moscova. Sara e Raquel Areal Martínez son dous grandes violinistas galegas que triunfan en Viena e Madrid respectivamente, que tamén quixeron unirse a un proxecto que xa cultivou un gran éxito en Estados Unidos e traen agora á súa terra nunha ocasión única.

A seguinte semana o espectáculo virará, o día 24 ás 20.30 no Liceo de Ourense, para finalizar o 25, tamén ás 20.30, no Salón Nobre do Casino de Pontevedra.

Esta homenaxe á muller galega a través das artes” busca redescubrir o legado artístico de grandes mulleres da nosa terra, como é o caso de Rosalía de Castro, Maruxa Mallo ou a soldadeira medieval María Balteira”, explica Dobarro. Neste sentido, as creacións de Julia Dopico con títulos como “ Meninha Balteira”, “ Miña Estrela” ou “Cores non ar” están inspiradas nestas mulleres. A xira de concertos está patrocinada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia contando co apoio das entidades que ceden os seus espazos para a realización destes concertos e o Concello de Ferrol. Unha proposta músico-cultural diferente, orixinal e única con entrada libre.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com