Miñones cifra en 1.509 millóns de euros o protagonismo da provincia de Lugo nas políticas do Goberno

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, cifrou hoxe en 1.509 millóns de euros o protagonismo da provincia de Lugo nas políticas do Executivo central. Explicouno así tras manter o seu primeiro encontro institucional co presidente da Deputación lucense, José Tome, co que
repasou os principais temas de interese.

José Miñones constatou que “a provincia de Lugo é protagonista das políticas do Goberno” e asegurou que “nunca antes tivo o protagonismo que ten agora” ao contar con importantes investimentos. En concreto, fixo referencia aos 1.509 millóns de euros que chegan con dous obxectivos.

“Por unha banda, queremos recuperar o tempo perdido nas infraestruturas durante anos de abandono e, doutra banda, dar resposta á emerxencia sanitaria, social e económica provocada pola pandemia”, continuou.

O delegado do Goberno subliñou que “o Goberno de España dedicou, está a dedicar e dedica 734 millóns de euros ao escudo social que protexe ás familias de Lugo, aos seus autónomos, ás súas empresas, ás persoas. É coma se construísemos nun ano 3 HULA”, destacou. “Quero trasladarlles aos lucenses que o Goberno está presente na provincia e preocúpase e ocupa dos seus veciños e veciñas. Como dixen, nunca antes un Goberno fixo este esforzo en investimento social na provincia de Lugo”, lembrou.

O delegado do Goberno concretou os investimentos. En estradas foron 183 millóns de euros nos últimos anos, dos que 122,4 corresponden a novas infraestruturas e 60,6 millóns, a conservación e seguridade viaria. “Hai outras infraestruturas tamén importantes, como as que responden a unha nova política sostible e respectuosa coa contorna, que abordamos desde o Ministerio de Transición Ecolóxica. Máis de 22 millóns de euros na provincia para substituír luminarias por outras máis eficientes, para abordar plans de mobilidade sostible e para promover unha economía local máis sostible”, engadiu.

Está tamén a extensión da banda ancha, tan importante nesta provincia e no seu rural. “O último plan permitiranos levar nos próximos meses a banda ancha a 2.773 núcleos de 41 concellos”, subliñou.

“Por tanto, e a modo de resumo, un forte investimento e un forte compromiso do Goberno con Lugo. Investimento social e investimento en infraestruturas. Unha resposta que se incorpora e adecúase ao Plan de 130 Medidas fronte ao Reto Demográfico”, asegurou.

José Miñones incidiu na importancia da “resposta firme e contundente que permitirá recuperar o tempo perdido nos últimos anos e que outorgará a Lugo o protagonismo que merece, con infraestruturas, con servizos e con políticas para que os lucenses, vivan onde vivan, conten coa calidade de vida e oportunidades que demandan”, rematou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com