" />

Miñones resalta o compromiso do Goberno do Estado para dinamizar o rural e afrontar o reto demográfico

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou hoxe en Negueira de Muñiz o compromiso do Executivo de Pedro Sánchez coa dinamización do rural galego e con iniciativas pioneiras, dixo, que nacen co obxectivo de abordar o reto demográfico.  O delegado, expresouse así  durante a súa primeira visita oficial dende que tomou posesión do cargo, realizada ao concello con menos poboación da Comunidade como mostra, dixo, da súa implicación coa Galicia baleira.

Como xa adiantara no seu discurso de toma de posesión, un dos seus obxectivos é prestar especial atención aos concellos máis pequenos e con menos recursos, co fin de facerlles chegar o amplo abano de  proxectos, plans e axudas que, segundo explicou, o Goberno de Pedro Sánchez ten  á súa disposición. “En Galicia hai 313 concellos e 200 deles teñen menos de 5.000 habitantes; o obxectivo e chegar a eles e levarlles as políticas dun Goberno que os ten en conta, co fin de que vivir nestes municipios sexa un privilexio e non una condena”, dixo o delegado do Goberno.

José Miñones, acompañado pola subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, estivo en Negueira de Muñiz, onde foi recibido polo alcalde, José Manuel Braña. Alí analizaron a situación do Concello, que ten apenas 215 habitantes pero conta este ano cunha inversión do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, pertencente ao Ministerio para a Transición Ecológica e o Reto Demográfico.

A iniciativa, coordinada pola Deputación de Lugo, busca mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público cunha aportación de 10.599 euros e a cofinanciación do organismo provincial. O delegado do Goberno compartiu co rexedor  o proxecto piloto de Correos na provincia, para o que estiveron acompañados polo director territorial da entidade en Galicia, Asturias e Castela e León, José Ángel del Río. Explicaron que, grazas a esta iniciativa, as 212 carteiras e carteiros rurais na provincia ofrecerán servizos a domicilio.

Este proxecto inclúe o pago de recibos, a compra de distintivos ambientais da Dirección Xeral de Tráfico, a venta de selos, sobres e embalaxes de paquetes e outras xestións que buscan facilitar a vida das persoas que residen no entorno rural. Con eles estivo o carteiro Hernán Díaz, que relatou a dinámica de traballo en primeira persoa.

Tras a visita a Negueira de Muñiz, José Miñones estivo na Fonsagrada, onde se uniron ao encontro de traballo os alcaldes deste concello, Carlos López, e de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández. Os tres como integrantes das Terras de Burón, un área que forma parte da Rede Española das Reservas da Biosfera e a Rede Natura 2000.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo