" />

Mondoñedo acolle a final de mes o segundo encontro NOGA

O concello de Mondoñedo acollerá os próximos días 24, 25 e 26 a segunda edición de NOGA, Colectivo de Narración Oral Galega, que conta cun amplo programa de actividades tanto para os profesionais como para o público en xeral.

A apertura do encontro será ás 21.00 horas do día 24 no auditorio municipal Pascual Veiga; a entrada é libre, ata completar o aforo. A gala de apertura estará conducida por Carmen Conde.

Para o sábado, 25, o programa é o seguinte: de 10.00 a 11.30, haberá un obradoiro, titulado Falamos da voz, da man de Faia Díaz, cantante e historiadora da Arte; á mesma hora desenvolverase unha charla a cargo da xornalista Eva  Mejuto, sobre Conto, igualdade e diversidade. De 11.30 a 12.30 Pablo Ángel Meira Cartea, profesor de Educación Ambiental na USC, exporá a ponencia O cambio climático non existe…É un conto. Despois dun descanso de quince minutos, a actriz e doutora en Ciencias da Comunicación Comba Campoy dará unha conferencia sobre Violencia nos títeres. Por último, de 16.30 a 20.30, no Pazo de San Tomé, desenvolverase o encontro dos profesionais da narración oral. Os organizadores din que a primeira edición de NOGA, celebrada tamén en Mondoñedo, estreitou lazos e espertou o sentimento de gremio.

Para o 26, o programa recolle un roteiro para público familiar, que leva por título o de Aquí contamos. O percorrido empezará ás 11.30, no quiosco da Alameda dos Remedios, pasará pola Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, a Fonte  Vella, o barrio dos Muíños e a Ponte do Pasatempo. O percorrido acabará sobre as 13.00 horas.  Os organizadores anuncian “unha mañá chea de narración para todas as idades, por lugares de conto (…)”.

O Concello de Mondoñedo colabora ofrecendo aos asistentes ao encontro de narradores dúas noites de pernocta na Hospedería Santa Catalina.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo