Monforte acollerá unha mostra sobre Manuel Rodríguez López

A Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte de Lemos (Lugo) acollerá este luns 10 de xuño, ás 12:00 horas, a inauguración da exposición Manuel Rodríguez López, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. No acto
participarán a concelleira de Cultura de Monforte (Marina Doutón), o alcalde de Paradela (José Manuel Mato), o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra (José Manuel Rodríguez), a viúva do escritor (Irene López), o presidente do Colectivo Egeria (Xulio Xiz) e o director de GaliciaDigital (Antonio Giz).

Ademais, presentarase o libro “Manuel Rodríguez López, 25 anos despois”, que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez.

A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López, emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Deputación Provincial de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), a Real Academia Galega, e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Esta exposición itinerante percorreu xa as principais cidades e vilas galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto (Bilbao) e Estremadura (Cáceres) e os Centros Galegos de Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Valladolid ou Las Palmas de Gran Canaria. Tamén chegou a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades de Braga e Algarve (Faro).

Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.

Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está celebrando a XXIV edición.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com