Negociacións, negociacións, negociacións…

Tal e como estaba previsto, e logo dos resultados das eleccións municipais a palabra de moda é negociación.  A atomización dos consistorios, da paso a un sinfín de negociacións a dúas, tres ou máis bandas para conformar maiorías que dean estabilidade  aos futuros gobernos municipais.

Comeza agora o complicado e complexo proceso das negociacións entre as distintas forzas políticas co fin de recabar os apoios suficentes para designar aos alcaldes. Esta mañá, o candidato dos populares á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciaba a súa intención de falar cos diferentes partidos e plataformas para poder chegar a un acordo que lle permita presentar a súa candidatura para gobernar Lugo.

Polo que puido saber este XornaldeLugo, Jaime Castiñeira púxose en contacto co representante do BNG-Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, ao que lle comunicou a súa intención de negociar un posible pacto cos nacionalistas, sinalando que detectara coincidencias programáticas na súa idea de gobernar a cidade. Sen embargo, dende o BNG-AA comunicáronlle que este pacto non podería darse en ningún escenario posible, pola antagónica posición política dos respectivos partidos, ante problemáticas como a Sanidade, a Educación ou a Cultura. Para o BNG, “os populares desmantelaron os eidos máis básicos do estado de benestar, facendo recortes onde máis doe ao cidadán”.

Asemade Castiñeira tamén se puxo en contacto con Alternativa Cidadá de Esquerdas, a chamada do alcaldable popular, foi para, en primeiro lugar felicitalo, e tamén para comentarlle a súa predisposición a negociar con todos os grupos políticos que estarán presentes no concello na nova lexislatura. A conversa co líder de ACE, Carlos Portomeñe foi corta aínda que cordial, pero semella que a formación de esquerdas non ten intención de pactar con ninguén.  No tocante a ACE, hai que lembrar que o reconto definitivo de papeletas remata mañá. O concelleiro asignado a ACE dispón de tan só cincuenta votos de colchón para reafirmar a súa entrada no consistorio.

Pola súa banda, esta tarde, á hora de escribir este artigo está tendo lugar unha reunión da executiva socialista para determinar cales son os pasos a seguir despois dos resultados acadados o domingo, nos que baixan en votos, aínda que recortan distancias co Partido Popular.

Lugonovo, que con tres concelleiros é a formación que ten a chave  para poder conformar goberno, xa anunciou que só negociarían cos socialistas no caso de que éstes prescindan do alcalde en funcións, José López Orozco. Resulta evidente, e así o afirman, que prefiren pactar cun partido de esquerdas, máis coincidente ca súa programática, que cos populares. De todos os xeitos, Lugonovo celebrará inminentemente unha asamblea que será determinante para decidir cales serán os pasos a seguir a partires dos resultados electorais acadados.

En canto a Cidadáns, que lidera en Lugo Olga Louzao, o candidato Castiñeira tamén se puxo en contacto con ela para felicitala pola súa entrada no concello, pero de momento non hai prevista ningunha xuntanza. As novidades en Cidadáns van cara a permanencia ou non do número dous da lista, Jesús Expósito López, na candidatura, pois baralla a posibilidade de deixar o seu posto na lista en favor da número tres, por existir incompatibilidade ao ser éste funcionario do Concello de Lugo.

Ao respecto doutros concellos, como é o caso de O Corgo, onde todas as posibilidades están abertas, o candidato independente Francisco Javier Vila Núñez, reunirase o vindeiro xoves con representantes do PSOE, PP e BNG co obxeto de negociar o apoio á candidatura dos populares, que conseguiu cinco representantes, ou facelo en favor dun pacto de esquerdas co PSOE e BNG, que obtiveron entre os dous outros cinco edís. Con respecto a apoiar a opción de PSOE e BNG de seguro que non axudan moito as declaracións feitas hai uns días polo cabeza de lista do BNG en O Corgo, Mario Outeiro, encol de Vila Núñez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com