" />

Non é fatalismo, non é videncia….é unha tráxica lóxica

Cando, hai uns días, no transcurso dunha xuntanza, expresei o meu temor, ou, mellor dito, o meu convencemento, de que co inicio do novo ano chegaría tamén a nova dun novo asasinato machista, alguén me reprochou ser demasiado pesimista, e mesmo de exercer de “sibila”, pero dun xeito moi negativo.

Por desgraza, o meu pronóstico non puido ser mais atinado, e sendos asasinatos a dúas mulleres marcaron a despedida do 2016 e a benvida do ano novo, algo que lamento e me doe no mais fondo, pero  que  non  demostra o meu poder adivinatorio, nin moito menos.

Os asasinatos destas mulleres non fan senón constatar, de novo, e por enésima vez, que no eido da violencia machista, algo se está a facer mal, moi mal.

O autor do asasinato de Rivas (Madrid), tiña, dende hai case dous meses, unha orde de afastamento da súa parella. Malia iso, ambos convivían no mesmo domicilio.

Estou segura de que moita xente estará a culpar do acontecido a insuficiente protección da muller, a que o sistema, unha vez mais, fallou.

Non digo que algo diso non sexa certo, posiblemente, e dado que o home xa tiña antecedentes por violencia doméstica, o control debera ter sido máis estrito, pero, cando me paro a reflexionar sobre o acontecido, a dúbida que máis me atormenta e que me alarma dun xeito espeluznante é : Onde está o fallo, que clase de sociedade construímos, que non e quen de concienciar a unha muller en grave peligro de que, quebrantar a orde de afastamento pode chegar a ser, case con toda probabilidade, a súa sentenza de morte?.

Seguramente, nestes vindeiros días, haberá mais minutos de silencio, mais concentracións con pancartas e mais berros que renegarán dun sistema a todas luces non todo o eficaz que se precisa, e mesmo haberá quen proclame tamén iso de “ela o buscou”, pero moi poucos se tomarán un momento para pensar que nós, todos e cada un de nós, temos unha parte importante de culpa.

A alguén se lle ocorreu pensar que tal vez se estea a deixar de lado algo tan vital na protección das vítimas da violencia de xénero como sería traballar para axudar a conciencialas de que, por moito que tente convencelas do contrario, o seu maltratador non vai cambiar, de que cando se están “saltando” a orde de afastamento non están enganando a Policía, nin a o seu entorno, se e que aínda manteñen unha mínima relación con este, algo improbable, senón a elas mesmas, tentando autoconvencerse de que o seu verdugo xa deixou de selo para converterse no home, na parella ideal soñada?

A soidade, o abandono, a incomprensión que case sempre  sofre a vítima da violencia machista, xunto con unha mermadísima autoestima, unidas a un sistema que aínda adoece dun gran baleiro no que ao factor humano atinxe, e que  se nega a recoñecer, a admitir que non se pode pretender rematar con esta lacra asasina actuando sempre “polo libro”, forman o caldo de cultivo perfecto para seguir cobrándose vidas de mulleres ás que o seu asasino lles xura amor.

Entender que, en tanto isto non mude, en tanto non sexamos quen de achegarnos as vítimas, de, pouco a pouco, lograr que non se sintan soas, que entendan que o seu potencial asasino non é, baixo ningún concepto,  o seu refuxio, a súa mellor ou  única opción,  en tanto isto non ocorra, adiviñar os tráxicos sucesos que están por vir, non é videncia, tampouco fatalismo……é unha tráxica e desgarradora lóxica.

Marta Rodríguez Engroba.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo