Normalidade na Milagrosa

Aos case seis meses de especial anacoreta, agardo o momento de volver a Lugo, por comprobar, como a ave que Noe mandou tras do diluvio, que a terra volve ser bo lugar para vivir. Así eu onte percorrín A Milagrosa, vendo como as probas se superan, e o distrito segue a ser o lugar de pacífica convivencia, de acollida e de traballo, que a mesma parroquia proclamou nun racional e oportuno chamamento urbe et orbe.

Ver abertos a maioría dos establecementos de hostalería serenoume o ánimo, e acudo a Baltasar de Alcázar  para proclamar que “grande consuelo es tener / la taberna por vecina”.

Pechou a hosteleria milagrosista como protesta polas condicións draconianas de funcionamento, xa que prohibir beber no interior é condenar á maioría á inacción, porque as instalacións exteriores son temporais, mínimas e nalgúns casos case imposibles, e co mesmo peche faise evidente o papel social e fraterno dos meus veciños hostaleiros, aguerridos continuadores dos vellos emprendedores dos pobos e aldeas que prestaban o imprescindible servizo de taberna.

E volvo a aquel bardo de hai cinco séculos, amigo de Quevedo e Góngora, ao que Pacheco retratou con coroa báquica de satisfeito vividor, que deixou para a historia, a constancia de que “si es o invención moderna, / vive Dios que no lo sé, / pero delicada fue / la invención de l a taberna”.

Cinco séculos despois, case non quedan tabernas, evolucionadas a establecementos modernos, de variada bebida e alimentos impecables. Na Milagrosa pecharon, facendo constar o seu imprescindible papel. Que volvan á vida, é sinal de que a nosa vida pode volver a ser normal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com