Novas

Comezan as obras de arranxo do cinto comarcal á altura do Corgo

A Deputación de Lugo iniciou esta semana as obras no cinto comarcal á altura da parroquia de San Pedro de Cerceda, no concello do Corgo, para arranxar os danos dos últimos temporais.

Para levar a cabo estes traballos de emerxencia investiranse preto de 83.000 euros; uns traballos necesarios tralo afundimento da vía no punto quilométrico 12,450, o que obrigou a cortar o tráfico e habilitar desvíos alternativos, que están debidamente sinalizados.

As obras consisten na substitución do actual sistema de drenaxe por un marco de formigón prefabricado de sección rectangular de 3×2 metros cadrados deixando soterrado 25cm da cara superior do pavimento, dando así unha maior capacidade de drenaxe co fin de restablecer a circulación coas mellores garantías e condicións de seguridade. Posteriormente, procederase ao acondicionamento da pavimentación do firme, e á reposición da sinalización e implantación do sistema de contención.

Dende a isntitución provincial avisan de que están a acometer as tarefas en base aos requisitos e en plena coordinación coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, adoitando “en todo o momento” as medidas precisas para evitar a contaminación das augas. O prazo de execución é de dous meses, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan.

Cantar Delas celebrará un concerto feminista na capela de Santa María

Este domingo ás 18.30 horas a capela de Santa María en Lugo acollerá os concertos Creadoras de Música organizados por Cantar Delas co apoio de Deputación. Con esta iniciativa pretenden dar voz ás mulleres que durante séculos foron silenciadas no ámbito da cultura e da sociedade.

“Na historia da humanidade faltan as páxinas das aportacións femininas á construción cultural e social. Mulleres escritoras, filósofas, pintoras, científicas e compositoras foron esquecidas, ignoradas e silenciadas por unha sociedade construída en masculino que relegou as mulleres a un papel secundario, negándolles o acceso á educación e atribuíndolles como rol fundamental o reprodutivo e o ámbito privado. Confinadas no xineceo do silencio, as mulleres compositoras e intérpretes foron invisibilizadas e, aínda hoxe, silenciadas. A ruptura do silencio pasa polo coñecemento e o recoñecemento do seu valor e capacidade creativa”, afirman nun comunicado.

A Federación de AA.VV. Lucus Augusti demanda melloras para a provincia ao goberno central de cara aos orzamentos de 2024

A Federación de Asocaicións de Veciños Lucus Augusti trasladou as súas demandas ao Delegado do Goberno en Galicia e aos Deputados e Senadores da Provincia de Lugo con referencia aos orzamentos do goberno central para 2024.

Nun comunicado, a Federación fai sete peticións ao goberno do estado para mellorar distintos aspectos na provincia lucense. A primeira é a importancia de rematar a autovía entre Lugo e Santiago “considerando ademais que somos a única capital de Provincia que non temos comunicación con Santiago por tren”. Tamén se referiron no escrito á autovía Lugo-Ourense, para a que piden destinar orzamento xa que a estrada nacional “está en moi mal estado”.

Outra das peticións está relacionada co transporte ferroviario. Piden ao executivo de Sánchez que mellore a liña Lugo-Coruña-Ferrol e que se recuperen as liñas nocturnas con Madrid e Barcelona

En canto ao mar, pediron “unha vez máis” que Lugo dispoña de Autoridade Portuaria en San Ciprián para que os portos da Mariña Lucense deixen de depender da Autoridade Portuaria de Ferrol, xa que nestes momentos a lucense é a única provincia con costa que non conta con esta Autoridade propia.

Tampouco se olvidaron dos ríos lucenses nesta petición. Unha das cousas que demanda a asociación é un plan de limpeza e recuperación de leitos fluviais provinciais “para poñer os nosos ríos como un gran reclamo turístico e medio ambiental”.

A pesar de estar moderadamente satisfeitos coas acometidas levadas a cabo polo goberno central para mellorar as conexións de internet e móbil, dende a federación solicitan rematar esta campaña e axudas na cobertura de fibra óptica nas zonas que non a teñan.

Para rematar, non podía faltar o rural, para o que piden unha fiscalidade especial xa non só a nivel provincial senon autonómico. A finalidade desta petición é a de “favorecer o asentamento de empresas con bonificacións nas cotas dos traballadores, autónomos, etc. facilitando a creación de postos de traballo e evitando a perda de poboación”.

O PP de Foz denuncia que o Concello vai subir as taxas da Escola de Música municipal

O PP de Foz denuncia que o Concello do municipio subiu os impostos na área de Cultura, e máis concretamente, na Escola de Música.

O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, sinala que as taxas de 73,79€/ano que pagaban os menores de 18 anos pasarán a establecerse nos 178,60€/ano. E, no caso dos maiores de 18 anos, vai pasar de 98,82€/ano a 270,63€/ano. Unha suba que dende o PP califican como “unha verdadeira loucura”.

Castiñeira denuncia tamén que “o bipartito suba as taxas sen reunir a comisión de seguimento da Escola de Música que conta con representación da Anpa e da oposición”.

O Concello adhírese ao Sistema de Alerta Temperá de Internet para reforzar a seguridade da administración

O Concello de Lugo xa está adherido ao Sistema de Alerta Temperá de Internet (SAT-Inet) do Equipo de Resposta a Incidentes de Seguridade da Información do Centro Criptolóxigo Nacional (CCN-CERT).

O SAT-Inet é un sistema que busca actuar antes de que se produza un incidente de seguridade ou, cando menos, detectalo nun primeiro momento e reducir o seu impacto e alcance. Este sistema permite a detección rápida de incidentes e anomalías dentro da Administración e as empresas de interese estratéxico, e é un dos servizos prestados polo CCN (Centro Criptolóxico Nacional), cuxo obxectivo fundamental é contribuír a mellora da ciberseguridade española.

 

O PP lucense denuncia a parálise do polígono industrial de Castroverde

Varios deputados do Grupo Provincial Popular, acompañados de concelleiros do Grupo Municipal do PP de Castroverde, visitaron hoxe o polígono industrial do municipio.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, non entende “os nulos avances” dados na promoción desta zona industrial “que en lugar de ser un polo xerador de riqueza para Castroverde converteuse nunha zona chea de toxos e matorrais”.

Dende o PP critican a situación á que chegou a que tiña que ser unha zona industrial e de referencia para Castroverde, que se creou mediante un convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo, Suplusa e o Concello de Castroverde.

A adxudicación da obra desta zona industrial tivo lugar no ano 2010 e rematou en torno ao ano 2015. “Dende entón, nada se fixo por parte do rexedor local nin dos diferentes gobernos socialistas na Deputación de Lugo por impulsar de xeito real e efectivo esta zona industrial”, lamentan.

“Por desgraza, actualmente o polígono non chega nin a unha ínfima porcentaxe de ocupación, o estado de mantemento é nefasto e o máis grave é o nulo interese dos gobernos provincial e municipal por potencialo”, afirmou Ameijide.

O Foro Feminista de Lugo convoca unha concentración para o 25N

O Foro Feminista de Lugo convoca aos lucenses nunha concentración o 25 de novembro , Día Internacional da Eliminación da violencia contra as mulleres no xardín en Santo Domingo, preto do ginkgo biloba, ás 13.00 horas.

“A violencia que se exerce contra as mulleres é un ataque para toda a sociedade, conmociona ás súas familias, ós concellos, os/as compañeiras dos nenos/as que quedan orfas. Por todas iso, solicitamos da cidadanía luguesa apoio nesta concentración”, sinalan dende a organización.

 

O Concello de Rábade fai públicas as actividades programadas para o 25N

O Concello de Rábade organiza varias actividades con motivo do 25N.

Mañá ás 12.00 horas na Praza 28 de Maio terá lugar o acto central da campaña contra a violencia de xénero, onde se lerá un manifesto en contra deste tipo de violencia. Ao remate da lectura celebrarase o acto homenaxe ás vítimas desta lacra social.

O 27 de novembro e o 1 de decembro celebrarase un curso de autodefensa para mulleres, organizado pola Secretaría Xeral de Igualdade. Realizarase das 10.00 ás 14.00 horas no Centro Sociocultural. Para isncribirse é necesario facelo no Departamento de Servizos Sociais.

O Concello de Lugo cede os terreos para a instalación a torre que mellorará a cobertura en varios barrios

O Concello de Lugo vén poñer a disposición de Amtega os terreos municipais nos que se poderá instalar a torre necesaria para mellorar a cobertura móbil nas parroquias de San Pedro de Mera, Poutomillos, Bacurín e Santa Eulalia de Bóveda.

Logo de recibir a solicitude da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, para colaborar na localización das parcelas máis axeitadas, o concelleiro iniciou un labor de procura dos predios que o propio ente autonómico considerou como idóneos para ubicar este tipo de equipamentos.

O artista Xosé Manuel Moxom presenta a súa exposición ‘De todas madeiras’ en Lugo

A sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle a exposición ‘De todas madeiras’, do artista ourensán Xosé Manuel Moxom, que poderá visitarse ata o día 8 de decembro; está aberta ao público de luns a venres entre as 9.00 e as 19.00 horas, e os sábados pola mañá, ata as 14.00 horas.

A mostra está composta por 27 tallas de madeira natural policromada, moitas das cales representan figuras femininas. Moxom é un artista polifacético, que se iniciou como debuxante, e conta con numerosas exposicións individuais e colectivas na súa traxectoria. No ano 2020 expuxo na Casa de Galicia en Madrid a colección ‘Mis raíces’.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com