Novas

A Sociedade Micolóxica Lucus organiza a Exposición de Cogomelos este domingo

A Sociedade Micolóxica Lucus celebrará o vindeiro domingo a XXI Exposición de Cogomelos no Pazo de San Marcos de Lugo. A entrada será gratuíta en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.30 horas.

A exposición, que conta con dar a coñecer a enorme biodiversidade existente na Reserva da Biosfera Terras do Miño, estará complementada cunha exposición fotográfica de cogomelos e outra de paneis informativos sobre hábitats micolóxicos, así como unha presentación audiovisual sobre micoloxía.

Ademais, membros da entidade organizadora deste evento atenderán durante toda a xornada ás preguntas e dúbidas da cidadanía, co obxectivo de fomentar unha adecuada formación micolóxica e á vez previr intoxicacións por consumo de cogomelos.

70 negocios lucenses xa se sumaron aos Bonos Turísticos

Un total de 70 aloxamentos e axencias de viaxes da provincia de Lugo xa se sumaron á campaña do Bono Turístico da Xunta #DescubreGaliciaenOutono nos primeiros días de prazo. Os negocios que queiran participar aínda poden solicitalo ata o 1 de decembro.

Os bonos poden empregarse ata o 25 de decembro en calquera dos negocios adheridos nas catro provincias galegas, que xa son máis de 420. Cada un ten un valor de 100 euros e ofrece descontos do 40% en cada compra ata rematar o saldo.

A artista Ana Cabanes achegará arte emerxente en contornas rurais a través da iniciativa ‘Nomes Propios’

A artista rabadense Ana Cabanes Fontao foi seleccionada pola iniciativa ‘Nomes propios’ para levar a cabo diversas exposicións urbanas de artistas emerxentes vinculados a Galicia por diferentes puntos da xeografía galega.

Un dos concellos nos que a artista achegará o seu arte a contornas rurais é o seu propio, en Rábade, onde  colocou cinco traballos de novos artistas nun espazo público de libre acceso para os veciños, como é o exterior da estación do tren.

As obras, tanto escultóricas como de pintura, da artista que forman parte do proxecto ‘Nomes propios’ pódense ver nos concellos de Santa Comba e A Guarda. Os cinco traballos que poden verse na estación de tren de Rábade son propostas doutros artistas galegos que, coma ela, buscan achegar a arte a espazos rurais.

Cabanes Fontao é graduada en Belas Artes e vén de ser recoñecida pola Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo co Premio Extraordinario ao mellor expediente académico polos seus estudos de serigrafía. Na súa obra apréciase unha forte fonte de inspiración na natureza.

Prisión para un profesor de Lugo por posuír pornografía infantil

Un profesor que impartía clases nunha escola de Lugo foi enviado a prisión provisional por un presunto delito de pornogarfía infantil. A detención produciuse a semana pasada, despois de que a Policía Nacional atopara no ordenador do detido máis de 4.000 arquivos de carácter sexual nas que aparecían adolescentes.

O home, duns 40 anos, casado e con fillos, foi descuberto grazas á unha investigación da Policía Nacional, na que detectaron que unha IP localizada en Lugo estaba descargando arquivos con materiais pornográficos constitutivos de delito, xa que aparecían menores de idade.

Tras o descubrimento, a policía acudiu ao domicilio do acusado para proceder á súa detención e ao rexistro do seu domicilio e do seu ordenador e discos duros.

Foi a titular do Xulgado de Instrucción 2 de Lugo, Sandra Piñeiro, que decidiu firmar a orde de ingreso en prisión deste profesor, xa que a súa profesión supoñía establecer relacións cercanas con menores de idade. A xuíza tamén decretou o segredo de sumario mentras se leve a cabo a investigación.

Unha colisión entre tres vehículos deixa dúas persoas feridas en Pantón

O choque entre tres vehículos no concello de Pantón ten por resultado dúas persoas feridas e posteriormente trasladadas en ambulancia ao hospital. Os feitos ocorreron na parroquia de Següín, no quilómetro 536 da N-120 con dirección Ourense, arredor das 14.00 horas.

Para auxiliar aos accidentados foron movilizados as Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Monforte, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada.

Voltan os premios ‘Son Muller’ para poñer en valor á muller empresaria lucense

Voltan un ano máis – e xa van seis- os Premios ‘Son Muller’, que recoñecen o papel das mulleres emprendedoras -especialmente do rural- como piar e motor económico.  Os premios, que están impulsados pola Asociación de Mulleres empresarias da Provincia de Lugo (AELU), foron presentados esta mañá no CEI Nodus de Lugo.

A Asociación de Mulleres Empresarias dota os premios Son Muller con 1.000€ en metálico á gañadora e o segundo, en 500€. En ambos casos, as galardoadas obterán un ano de cota gratuíta como asociadas de AELU e un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas Galegas, elaborado e deseñado exclusivamente para estes premios.

Haberá tamén un recoñecemento especial a unha empresaria lucense referente e pioneira no eido social e económico de Lugo. O xurado estará formado por representantes da xunta directiva de AELU, e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, a empresa e a sociedade lucense.

Poderán optar aos galardóns as emprendedoras e empresarias que teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia, que estean dadas de alta como autónomas ou sexan parte dunha sociedade empresarial.

Este ano haberá tres categorías: Empresaria Rural, Empresaria e emprendedora. As candidaturas pódense presentar na páxina web empresariaslugo.org entre o 2 e o 26 de novembro, e a entrega de premios terá lugar o 15 de decembro.

O plan de orzamentos participativos recolle máis de 120 propostas da veciñanza

O Concello de Lugo anunciou que a cidadanía fixo máis de 120 propostas enmarcadas dentro dos orzamentos participativos, recollidas en varias reunións con veciños nos barrios da Piringalla, Fontiñas e Fingoi e a través do correo electrónico que o consistorio puxo en marcha con ese fin.

Segundo a Tenecia de Alcaldía, as ideas máis demandadas foron a humanización das rúas mediante a peatonalización, a plantación de máis árbores para reducir as temperaturas das beirarrúas en verán e diversos pequenos arranxes en varios puntos da cidade, “que se cubrirán a través da Brigada Municipal de Vías e Obras ou de distintas actuacións de maior tamaño”.

O PP galego e o leonés unen forzas para pedir a conservación da A6

As Nogais foi o lugar escollido para que diversos representantes do PP de Galicia e León se reuniran para pedir ao Goberno central a posta en marcha dun plan integral de conservación e mantemento para a A-6. A reunión celebrouse onte e concentrou a unha trintena de cargos orgánicos e con representación nas cámaras parlamentarias autonómicas, nacionais, locais e provinciais das dúas comunidades.

Segundo os populares, esta reunión xorde da necesidade de remarcar a situación de “abandono en materia de conservación e e mantemento” da autovía. Entre outras cousas, instaron ao Executivo en funcións a consignar partidas presupostarias plurianuais concretas para atender as necesidades inmediatas, así como actuar no caso de que se volvan producir novos desprendementos ou incidencias que poidan ocasionarse a consecuencia de fenómenos meteorolóxicos adversos típicos do inverno e de zonas de montaña como é este caso.

 

se insta

Alumnos do Leiras Pulpeiro visitarán mañá os xulgados para coñecer as institucións xudiciais

Unha vintena de estudantes de terceiro de ESO do IES Leiras Pulpeiro asistirá mañá a unha vista ao Xulgado de Instrución número 2 de Lugo para coñezan de primeira man o funcionamento dos órganos xudiciais da comunidade.

Durante as visitas organizadas dentro do programa, os xuíces e xuízas incidirán en aspectos que á mocidade lle poden afectar de forma directa, tales como a violencia de xénero, os delitos que teñen que ver co uso das redes sociais, o acoso escolar, o sexting ou outros relacionados co consumo de drogas. Os membros da carreira xudicial tamén lles explican conceptos básicos da xurisdición de menores, como os dereitos que lles asisten e o sistema de imposición de penas, así como os seus dereitos e deberes a partir da Lei Orgánica 1/1996, de protección xurídica do menor.

Esta visita forma parte do programa ‘Educar en Xustiza’, que no curso pasado case 4.000 estudantes de 96 centros educativos galegos, está promovido polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A Audiencia Provincial condena a un home a un ano de cárcere por estafar 700 euros nunha páxina de compravenda

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo vén de condenar a un ano de cárcere a un home que estafou 700 euros a un usuario dunha web de compravenda de artigos.
O tribunal considera probado na sentenza que o procesado ofertou, ben por si mesmo ou posto en común acordo con persoas non identificadas, a venda, por 700 euros, no portal milanuncios.com, dunha máquina localizadora de cans e catro colares. O denunciante, segundo sinalan os xuíces, contactou co acusado o coa outra persoa non identificada en conivencia con el mesmo para adquirir os produtos. O interlocutor solicitoulle á vítima que ingresase os cartos nunha conta titularidade do condenado, “finxindo a súa disposición e vontade de levar a cabo a entrega”, algo que nunca se produciu, a pesar de recibir o pago. Tanto o anuncio como os cartos da conta foron retirados, segundo a resolución, “de maneira case inmediata”.
“A autoría do acusado advírtese evidente no presente caso, e isto en base a que o teléfono a través do cal se levou a cabo a negociación figura ao seu nome, así como a conta na que se ingresou o diñeiro e se efectuou a retirada de modo inmediato, así como do propio anuncio que xa non figuraba uns días despois colgado na páxina na que se ofertaba”, destaca a Audiencia na sentencia, contra a que cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com